Non cantan os paxaros neste bosque, de Carlos Negro e O axolote, de Lara Dopazo

Agradoume acceder a dous libros que manexan, na distancia do relato curto,  a presenza do motivo do medo, o enigmático, o misterioso ou o terror psicolóxico. Un xénero transitado por tantas e tan salientables voces na nosa tradición literaria que, felizmente, volve asomar entre nós con nova vitalidade e novos azos.

A ambas as dúas propostas cómpre darlles a benvida. A primeira vén da man de Carlos Negro que, con Non cantan paxaros neste bosque, confirma como tamén neste xénero é quen de moverse con indubidable solvencia. Configura o autor un horizonte de expectativas no que a recepción se converte nun proceso activo e participativo, asumindo inicialmente a imaxe de que as árbores dese bosque non acollen o que sería habitual. E velaí como campa o reino do inesperado, instalado nunha atmosfera realista e contemporánea, para abeirarse ao fantástico e ao irracional. Todo para ser quen de transmitir esa percepción inicial de desacougo que vai a máis, graduando a tensión argumental para desembocar nun desenlace sorprendente que plasma un amplo espectro de situacións transitadas, as máis das veces, por personaxes que viven nunha adolescencia obxectivada como época de aprendizaxe e de conflitos.

            Irmandada co anterior pola recreación temática publicouse O axolote, de Lara Dopazo, galardoado co Premio Illa Nova de narrativa. Nel alenta, desde as instancias dese anfibio con corpo de peixe e patas de ra referido no título, un diálogo extraordinario, tamén plural e poliédrico -a través duns relatos marcados pola solidez estrutural, a variedade compositiva e o coidado expresivo- entre o fado ou destino da propia humanidade a debater(se) con elementos sobrenaturais, axudado pola presenza simbólica das augas e bestas inimaxinables que, por extensión, modernizan unha tradición literaria pouco transitada como son os bestiarios mais que, por xunto, posibilitan un percorrido suxestivo no cal latexa unha preocupación formal constante ofrecendo un amplo abano de lecturas que aínda enriquecen máis esta proposta.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 23 de abril de 2021.