Aparecen estes días dúas novidades que cómpre traer aquí como mostra da versatilidade que as publicacións dedicadas a Xela Arias van acadando nestes últimos meses. Trátase de dous volumes, de pequeno formato, que teñen á figura da autora de Tigres coma cabalos como protagonista.
A primeira delas é unha publicación de Lela Edicións, realizada polo equipo Polo Correo do Vento con ilustracións -magníficas como é norma na autora- a cargo de Tania Solla, e disposta baixo o título de Liberdade, solidariedade e amor pola lingua. Pequena biografía de Xela Arias, aparecida na colección “Mulleres galegas”. O libro, especialmente adaptado para as persoas máis novas, realiza un percorrido -ao meu ver completo e satisfactorio- polos principais acontecementos vitais e literarios que protagoniza Xela Arias ao ofrecer unha revisión que vai desde as súas orixes familiares, pasando pola paixón que depositou na escrita e na poesía, os seus traballos como editora e docente, o seu proxecto de sacar a poesía dos libros, o seu papel como tradutora e, loxicamente, un compendio esencial das súas obras máis salientables. Unha biografía, pois, feita desde o rigor e, tamén, desde a admiración que suscita a persoa.
En segundo lugar, Pepe Carreiro ofrece un novo volume, editado por Bolanda co apoio da Real Academia Galega, de “Os bolechas. As miñas primeiras Letras Galegas” baixo o título de Xela Arias, talvez orientado para unha idade inferior á proposta no anterior libro, onde Sonia xoga a disfrazarse de Xela Arias e fai un percorrido, a través dalgúns versos de Darío a diario, por aqueles aspectos vitais que, con certeza, han espertar un maior interese para a xente máis nova á que tamén cómpre falarlle, como non, da protagonista do Día das Letras Galegas 2021.