Ciclo “Xela Arias: unha homenaxe” no IES Castelao con Ana Luna, sobre Xela Arias tradutora

Desenvolveuse onte, no paraninfo Xela Arias do IES Castelao unha nova sesión do ciclo de homenaxe a Xela Arias e correspondeulle a quenda a Ana Luna, profesora da Universidade de Vigo que disertou para alumnado de bacharelato e 4ª da ESO sobre un perfil intelectual moi relevante en XeLa Arias como foi o do traballo realizado no eido das traducións.

Tras reclamar, e non sen razón, a aparición cando sexa posible do seu segundo apelido como recoñecemento á figura de Amparo Castaño, nai da poeta e que participa con asiduidade nos actos de recoñecemento que se tributan arredor da que foi a súa filla, no seu relatorio combinou unha ollada paralela na que ían confluíndo os aspectos máis estritamente biográficos con aqueloutros que se nuclearon por volta do seu labor como tradutora e que serviron para subliñar tanto o seu papel como pioneira no ámbito da tradución ao galego de clásicos universais como o poder lexitimador que reside na tradución para o sistema cultural galego.

Alén de explicar a funcionalidade da páxina de Bitraga, xa non só para investigar sobre as obras traducidas de Xela Arias senón para outras posibilidades, o encontro con Ana Luna resultou igualmente operativo para revisar as traducións -encargadas ou elixidas- que realizou Xela Arias, a orientación destas últimas e para remarcar, finalmente, a importancia deste traballo que simultanou con outros labores de índole profesional e creativa.

Beizón para Ana Luna e a súa esclarecedora intervención neste ciclo de homenaxe a Xela Arias.