En decembro de 2002 Follas Novas Edicións, na súa colección “Libros da Frouma” acometeu unha iniciativa orixinal como foi a edición deste Libro dos abanos. Cunha cuberta de Luz Pozo, limiar de Anxo Tarrío e un artigo de Xosé Filgueira Valverde que evocaba a Exposición de Vigo de 1922, o libro -disposto por Luís Alonso Girgado e Carmen Fariña Miranda- contiña un bo número de composicións poéticas de diversas voces que se acompañaban de cadanseu abano ilustrado. O proxecto chegou a compor unha exposición itinerante que percorreu, cando menos -e falo de memoria- dúas cidades como foron Santiago (desta exposición falou a profesora Teresa Seara no seu día) e Vigo.
Xela Arias participou nel co poema “Intempériateme”, tal e como María Xesús Nogueira recolle con pertinencia na súa edición da Poesía reunida (1982-2004), que se acompaña dun abano ilustrado polo artista Xosé Guillermo, tal e como se pode advertir abaixo.

