Dous anos antes da publicación de Denuncia do equilibrio Xela Arias enviou senllos poemas, que logo formarían parte do devandito libro, a unha iniciativa coa que o Concello do Carballiño quería enxalzar a figura de Antón Losada Diéguez, por mor do centenario do seu nacemento.
Neste volume inclúe os poemas “Situación límite” e “Repaso”, sen variantes respecto ao que dous anos despois se publicaría en forma de libro, dispostos nesta ocasión a carón de dous poemas de Ramiro Fonte e doutra composición poética de Antón Tovar.
Curiosamente Denuncia do equilibro sería finalista, en 1986, no premio Losada Diéguez, que galardoaría na que era a segunda convocatoria o libro A caneiro cheo, de Luís González Tosar.

