Acompañounos hoxe Yolanda Castaño, autora da biografía Xela quixo ser ela (Xerais) nun encontro no que resultou de agradecer a adopción pola súa parte dun discurso áxil, fluído e accesible para o alumnado máis novo do noso centro. Deste xeito centrouse -fundamentalmente aínda que non só- no deseño dos primeiros anos de vida de Xela Arias -con especial profundidade no seu entorno familiar- que tamén foron os da súa formación como persoa e como escritora. Asemade non deixou de remarcar a relevancia das súas ocupacións profesionais -sobre todo as desenvoltas no mundo da edición-, os traballos nos eidos da tradución e nos da creación literaria, ámbito no que aclarou as claves dese efecto de estrañeza que por veces amosa a súa poesía.
Como era de agardar, e ao fío da orientación da biografía de Yolanda Castaño sobre Xela Arias, a súa intervención serviu para afondar naquelas cuestións máis atractivas da súa personalidade -as súas afeccións, o seu paso por diversos centros de ensino, as súas primeiras incursións na prosa- para o auditorio que nos acompañou, principal motivo da organización deste ciclo de homenaxe e que, sen dúbida, abrazou esa idea fundamental de que Xela Arias quixo ser, en efecto, Xela Arias. Beizóns, Yolanda.