Beatriz Busto Miramontes
Um país a la gallega. Galiza no NO-DO franquista
Através, 168 páxinas, 15 €, Santiago
Un dos ensaios máis suxestivos, e de inequívoco interese entre os aparecidos nos últimos meses, é este que subscribe Beatriz Busto, doutora en Antropoloxía Social pola Universidade Autónoma de Madrid, que Através Editora ofrece baixo o título Um país a la gallega. Galiza no NO-DO franquista. O volume, prologado por Elias J. Torres, non é un simple transvasamento da tese de doutoramento que a autora redactou sobre este asunto pois nel ofrece unha versión de corte máis divulgativo que, loxicamente, ofrece un rexistro acaído para unha franxa lectora máis ampla.
O NO-DO, acrónimo de “Noticiario y Documentales”, e cómpre explicalo para as xeracións máis novas que se sorprenden ao coñeceren a súa existencia e o seu propósito, foi unha realidade moi presente ao longo de moitos anos, de emisión obrigatoria nas salas de exhibición cinematográfica e que se ideou como unha plataforma publicitaria das bondades do réxime franquista.
É este o camiño que segue Beatriz Busto orientado cara á análise da imaxe estereotipada que o NO-DO proxectou de Galicia e de nós mesmos para construír unha narrativa que denomina como discurso “galaiquista”, operativa para deitar unha imaxe de nós, en palabras da autora, esencialista, primitivista, inxenua e mesmo tribal. Para este obxectivo deséñase, en seis capítulos, unha revisión das orixes do organismo cinematográfico e da súa utilización ideolóxica, páxinas previas a un percorrido de orientación cronolóxica que afonda nas modificacións ideolóxicas que se operan nel desde a década do anos corenta ata os setenta do pasado século.
Atoparanse aquí “descubertas” sorprendentes -algunhas raian o humorístico ou cómico, outras case o indignante- que convido a coñecer vivamente nun ensaio orixinal, probablemente definitivo sobre a Galicia que o NO-DO creou. Un libro, cunha inexcusable vontade didáctica e crítica, que abraza por extensión un valor como é o de situarnos nunha atalaia que convida a pescudar os ecos que, desa imaxe que se nos outorgou de país folclorizado e conxelado no tempo, perviven na actualidade e aínda engadiría que en nós mesmos.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o día 7 de maio de 2021.