Xela Arias: “O meu pobo” (Vigo) nunha redacción escolar

Celebro a iniciativa que comezou a se distribuír entre os centros escolares da cidade de Vigo nesta Semana das Letras Galegas. Trátase dun díptico, producido polos servizos editoriais da Editorial Galaxia, que conta co apoio do Concello de Vigo, a Real Academia Galega e a Fundación Penzol.

A publicación incorpora unha acaída síntese biográfica a carón da reprodución facsimilar dunha redacción escolar de Xela Arias depositada nos fondos da Biblioteca-Arquivo Francisco Fernández del Riego, custodiada como se sabe na Casa Galega da Cultura e da que se deu conta no boletín dixital Novas Penzol (nº 24), dedicado a Xela Arias e no que traballou, como fai adoito, o profesor Silvestre Gómez Xurxo.

O manuscrito, que se integra nun corpus de textos escolares conservados grazas a Francisco Fernández del Riego, céntrase na descrición da cidade de Vigo por Xela Arias cando contaba nove anos e xa estaba matriculada na Escola Graduada de Sárdoma (Vigo), centro onde seu pai Valentín Arias exercía a docencia.

Esta redacción, presentada ao concurso “Galego na escola” como outras, amosan unha Xela Arias integrada, emocional e vivencialmente, no territorio ao que acaba de chegar coa súa familia. Unha excelente mostra do compromiso temperán coa nosa lingua e dunha capacidade descritiva marcada pola precocidade.Unha proposta en que, hoxe, repousa unha indiscutible dimensión emocional.

Beizón ás institucións que fixeron posible divulgar este texto entre as comunidades educativas da cidade que foi a de Xela Arias desde moi nova (agradezo a cortesía da Fundación Penzol para dar conta da publicación deste díptico).