A primeira Xela: «¡Esa son eu! ¡E sereina!»

Corría o ano 1971. Xela Arias contaba con nove anos e Valentín Arias, seu pai, comezaba a exercer a súa profesión docente no colexio de Sárdoma. Como en Ortoá, xunto con Amparo Castaño, seguiron a contaxiar o verme da escrita aos seus fillos como ferramenta lúdica, imaxinativa e formativa. Ao fío da convocatoria dun concurso literario para escolares, baixo o título de “Galego na escola”, non era difícil sospeitar que Xela Arias e os seus irmáns participasen naquel certame.  E así foi.

Este artigo non existiría sen unha figura, sempre próxima á familia Arias Castaño, como foi a de Francisco Fernández del Riego. Membro do xurado que valoraba aqueles relatos escolares en lingua galega e que decidiu arquivalos polo que hoxe forman parte do seu legado, custodiado na Casa Galega da Cultura de Vigo. Do mesmo xeito, talvez sen o feito casual que o arquiveiro da institución dera, entre algún material aínda non catalogado, cunha redacción asinada por Xela Arias tampouco accederiamos nunca a estes textos iniciais da autora nin, así mesmo, sen útil boletín editado informativo editado pola Fundación Penzol baixo a denominación Novas Penzol no que traballa con eficiencia o profesor Silvestre Gómez Xurxo.

Os textos conservados de Xela Arias no devandito arquivo constitúen un corpus conformado por dezaseis textos que responden á feitura de redaccións escolares e dispostos en virtude de temas suxeridos pola organización como eran o amor, os mestres,  a queimada, os reis (magos), o entroido, “o que soñei un día”, as plantas ou a fogueira de San Xoán, entre outros, alén de dous que se rescatan aquí baixo o título de  “Quen son eu?” e mais “Os hórreos”, incorporados nestas páxinas grazas á cortesía da familia Arias Castaño, á Fundación Penzol, á Biblioteca-Museo Fernández del Riego e ao Concello de Vigo.

“Quen son eu”, así pois, é unha proposta marcada pola  precocidade, a espontaneidade e a procura da complicidade: “miña nai di que eu son unha trasteira pero non lle fagades caso que eu son boa”. Ademais, nese exercicio escolar destaca a relevancia que na súa vida tiñan as visitas regulares a Lugo, algo que lle resulta operativo para apuntar que nesas viaxes, ao ver o tren, sentía ganas de “tirarse a el” e ir ver novas terras para estudar “a carreira de esploradora” e logo ir “por eí a explorar novas terras”: paixón exploradora que anos despois centraría tamén na creación literaria.   Aínda, ao final deste texto, deixa esta vitalista e afirmación final: “¡Esa son eu! ¡E sereina!”, tan profético e revelador en todo, mesmo no que transmite ese “sereina” onde latexa o gromo das futuras recategorizacións gramaticais e léxicas da súa obra, malia que, claro é, aínda non pensase niso.

O texto “Os hórreos”, finalmente, ilustrado pola propia autora, é dono aínda dunha maior expresividade e riqueza léxica que o anterior. Cítase especialmente porque nel se descobre a carga imaxinativa, as ansias de superar o realismo das propostas suxeridas e o seu posicionamento transgresor. Así, tras revelar que os hórreos teñen diversos nomes e describir a súa finalidade, a autora xustifica o feito de “facer un conto” en virtude de que “son bos” e que “lle gustan moito”. Aí está a clave da redacción escolar que, de súpeto, se converte nun relato -cun pasmoso dominio das técnicas dialogadas por exemplo- que titula “O hórreo e o neno” onde un cativo “traste” se interna nun hórreo e se pregunta que acontecería que lle aparece unha fantasma. No argumento que a autora ideou será un rato quen lle faga ao neno reconsiderar iso de ser desobediente á súa nai. Dun ou doutro xeito, velaí ese espírito de facer algo diferente e de introducir recursos imaxinativos, algo que tanto nos di hoxe á luz do que logo nos regalaría.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 14 de maio de 2021. Actualízase cunha liñas novas.

1 Comment

Os comentarios están pechados.