Concluíu hoxe o ciclo de homenaxe a Xela Arias que, desde o IES Castelao, lle viñemos tributando nas últimas semanas a quen foi alumna do noso centro.
Hoxe visitounos a profesora María Xesús Nogueira que, baixo o título de “Unha sorte de anarquía. A vida e a obra de Xela Arias”, articulou un interesante e ameno percorrido polas claves máis relevantes da autora que protagoniza o Día das Letras Galegas, tanto na dimensión biográfica como na literaria. Tiven a oportunidade de comentar na súa presentación que entendía como un privilexio e un excepcional broche de ouro a súa presenza para concluír un ciclo de conferencias e encontros -grazas de novo a Ana Iglesias, Manuel Bragado, Emma Pedreira, Ana Luna e Yolanda Castaño, tamén a Serafín Marcos- destinadas ao alumnado pois o traballo previo que a profesora Nogueira desenvolveu desde hai anos arredor de Xela Arias axuda a explicar a dimensión que este ano cobrou esta celebración literaria e cultural. Sen dúbida, o seu labor crítico e compilatorio da obra édita e dispersa de Xela Arias, recollido no volume Poesía reunida (1982-2004) que viu a luz en Xerais no ano 2018, foi determinante para recuperar, proxectar e actualizar unha obra literaria que resultaba xa de difícil acceso. Outras achegas máis recentes da autora, de inequívoca e contrastada calidade, como son a biografía Xela Arias. Os territorios da liberdade (Xerais, 2021), Xela Arias. De certo, a vida ía en serio (Chan da Pólvora, 2021) ou o seu labor como coordinadora no volume Xela Arias. A literatura e a vida, por elección (USC, 2021) non fan máis que confirmar ese camiño polo que desde hai anos transita guiado pola solvencia e rigor nas súas análises críticas e pescudas biográficas.
Un verdadeiro pracer contar hoxe coa palabra de María Xesús Nogueira. Beizón!



