Pilar Pallarés e Xela Arias: palabras e espazos compartidos

Nun diálogo que mantivemos por correo electrónico ao fío da figura de Xela Arias, a miña admirada poeta Pilar Pallarés reveloume un monllo de paralelismos vitais das dúas voces para min descoñecido.

Pilar Pallarés, a quen sempre situei territorialmente entre Culleredo e A Coruña, gozou de certos camiños vivenciais parellos aos de Xela Arias malia ser un pouco maior -apenas cinco anos- ca ela. Como Xela Arias, e debido a un destino profesional de seu pai, Pilar Pallarés chega á cidade de Vigo ao mesmo tempo ca Xela e ambas as dúas desde o rural. Pallarés viviu inicialmente en Balaídos e nunha casa en Alcabre. Tras outros tres anos en Culleredo volvería a Vigo onde, confesa, viviu dous acontecementos históricos que a marcaron como foron a revolución portuguesa e mais o golpe de estado de Allende. Nun cuarto do seu irmán, con vistas ás Cíes, nesta segunda etapa de novo radicada en Vigo nun edificio da rúa Camelias á altura da Falperra e vendo as Cíes foi onde comezou a escribir mentres estudaba no colexio “Amor de Dios” da man dun equipo docente -recorda- composto por “monxas progres” e un “magnífico profesorado laico”. Soñou con facer COU no Santa Irene “para que me dese clase Ferrín”, pero xa o fixo na Coruña, cidade na que leva décadas a vivir. Tampouco, como é sabido, cursou COU Xela Arias na cidade de Vigo pero si compartiron unha época común na cidade na que é fermoso imaxinar que andaría unha nena máis nova ca ela pero coa que nunca coincidiu.

Con todo, Pilar Pallarés si evoca dous encontros da man da poesía con Xela Arias. Un non chegou a feliz termo pois Xela Arias non puido asistir por razóns persoais: tratábase dun recital poético da man da asociación Sementeira en 1990 do que reproduzo arriba o cartel informativo cortesía da propia Pilar Pallarés. Si houbo, finalmente, dous encontros que se produciron: un na casa de Rosalía por mor de Daquelas que cantan e na homenaxe monfortina a Lois Pereiro, de quen se celebra hoxe o seu vixésimo quinto cabodano, da que insiro arriba esa coñecida foto, comentada nun espléndido artigo por César Morán.