Moncha Prieto
Alma de barro
Xerais, Vigo, 160 páxinas, 17,30 €, 2021
Non dubido que en ocasións hai libros de relatos que, malia estaren dominados por unha fasquía se se quer clásica ou, dito noutras palabras, embebidos nesa liña contística que afonda as súas raíces na confluencia que se dá entre o relato oral e literario -aínda que ás veces xurda neles certo afán innovador en canto aos puntos de vista empregados, a temática ou algún final imprevisto que activa a necesaria interpretación de quen se achegue a eles- resultan necesarios e mesmo son donos dunha inequívoca proxección identitaria, espacial e mesmo memorialística, neste caso da Ribeira Sacra.
Un dos focos de atención que atesoura este Alma de barro, primeira publicación independente da escritora Moncha Prieto, articulada a través dun total de dezaoito relatos, é o de situar as tramas e os argumentos nos territorios do seu Gundivós natal, mais tamén en Sober, Monforte e na Ribeira Sacra en xeral, retratando un mundo particular, de corte fundamentalmente rural aínda que non sempre, para o que xoga en moitas ocasións con diferentes épocas históricas e cunha notoria variedade argumental que se estende desde aqueles que se achegan á crónica da represión que se produciu tras a guerra civil, pasando por algún que recrea con acerto as claves do terror psicolóxico ata os que abrazan certo recendo dickesoniano a reconstrución dun mundo onde a miseria e o horizonte da emigración son engrenaxes dunha sociedade desigual e inxusta, sen esquecer aqueloutros de filiación temática máis tradicional, en ocasións case de pegada antropolóxica, onde a anécdota se converte na faísca que envolve o universo narrativo.
Outros dos elementos salientables da proposta é, sen dúbida, o rexistro lingüístico do que fai gala, ben gabado por un dos prologuistas do libro, o profesor Basilio Losada, que tamén fala do “halo de autenticidade envolve cada historia”. En efecto, quen dubida que este é un dos seus valores, conseguido polo intenso exercicio de verosimilitude e polo minucioso coñecemento dun espazo como é a Ribeira Sacra, e tamén das xentes que o poboan e poboaron.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 11 de xuño de 2021.