Carmen Mejía (dir.) e Mª Jesús Piñeiro (ed.)
Voces de escritoras olvidadas
Guillermo Escolar Editor, Madrid, 2021, 376 pp., 18,05 €
Hai algúns meses recibín un exemplar de Voces de escritoras olvidadas editado por Guillermo Escolar. Un proxecto dirixido pola profesora Carmen Mejía e editado literariamente por María Jesús Piñeiro.
Ben sabido é para as persoas que poden consultar este blog que non adoito ocuparme de publicacións que ven a luz noutro idioma que non sexa o galego mais nesta ocasión non dubido en acoller con alegría este volume de ensaio e investigación que pode interesar a moitas persoas.
O libro concíbese como unha colectánea de artigos e ensaios baixo a perspectiva de iluminar as traxectorias de numerosas escritoras esquecidas e que, ao tempo, ofreza unha antoloxía de textos literarios daquelas voces femininas que estean vinculadas coa guerra civil e mais o exilio.
Particularmente, dentro do amplo abano de escritoras analizadas coas correspondentes escolmas literarias que se poden consultar premendo aquí, interesáronme en primeira instancia aqueles ensaios que esculcaban en dúas figuras galegas como foron Concha Castroviejo e Mariví Villaverde, asediadas crítica e afortunadamente polas profesoras Ana Acuña e Carmen Mejía, sen esquecer a descuberta doutras moitas voces de indiscutible interese xeral ou a referencia, por poñer un exemplo, que se fai a unha escritora como Silvia Mistral -pseudónimo de Hortensia Blanch Pita, de nai galega e que viviu en Vilalba algúns anos como sinala María Isabel Gómez, quen recolle no seu libro Éxodo: diario de una refugiada española o vibrante e reivindicativo discurso en galego que se leu desde o barco Ipanema con destino ao exilio ao pasar, xustamente, diante de Fisterra.
Alén deste foco de interese para o lectorado galego o certo é que esta entrega abre os ollos, rescata e recupera desde as instancias da investigación e a interpretación literarias un monllo de voces nas que se establece un fío de unión pola vivencia biográfica da guerra e dunha das súas consecuencias máis duras como foi o exilio. Vivencias, as máis da ocasións, que magmatizaron boa parte das respectivas obras literarias ben a través de crónicas ben por medio da ficción, isto é, a experiencia exílica como forza motriz da súa inspiración literaria
A antoloxía que se engade ao final de cada colaboración resulta unha excelente proba da calidade destas voces sometidas á poeira dunha historiografía que as ignorou e, por tanto, dun inxusto esquececemento que, libros coma este, contribúen a visibilizar. Parabéns polo proxecto, polo que significa esta edición e por poñer ao alcance de moitas persoas este patrimonio oculto.