Nación Mar, de Xosé Iglesias

Xosé Iglesias

Nación Mar

Bululú, A Coruña, 80 páxinas, 19,50 €, 2021

No prólogo deste libro Xurxo Souto cualifica a Xosé Iglesias como “demiúrgo, que nos entrega como agasallo todo o mar”. Abofé que non lle falta razón porque Nación Mar, subtitulado “Cetáceos, navíos, espíritos e mitos”, é un galano para os sentidos: unha publicación infrecuentes que, baixo o formato de álbum ilustrado, foi tratada con exquisitez desde o punto de vista editorial  para que agrome o talento do seu autor que articula un fértil diálogo interartístico entre ilustracións e discurso narrativo.

                As páxinas de Nación Mar obrígannos, como ocorre adoito na obra creativa de Iglesias, a compartir unha singradura, con certeza inesquecible. Suxíresenos, e deixámonos levar, por un camiño de metamorfoses que desvelan como as embarcacións van adoptando formas cetáceas, de cefalópodos ou doutros seres mariños que nos fai pensar como o onírico ou o fantástico é, tantas veces, real. A palabra e a imaxe conxúganse coma se fosen un compás que nos orienta, logo de que o autor se interpele a si mesmo e tamén ás persoas que se acheguen ao seu libro, sobre a tradición dos carpinteiros de ribeira, sobre as fasquías da Costa da Morte ou sobre “as veces que cumprirá pedir perdón ao mar”; un compás que é tamén un mergullo no océano da experiencia e da memoria persoal de Iglesias para que todo cobre vida como os navíos sucan os mares, tal baleas azuis.

                Un exercicio, en fin, de evocación e reconstrución do universo do mar: aquel que desapareceu pero que tamén é o de hoxe e que debe ser o mar do  futuro que deixaremos. Por último, e non menos importante, Nación Mar ten a virtude de ser un libro de aprendizaxes,  poboado por navíos míticos, lanchas xeiteiras, baleas brancas ou barcos-polbo. Que fácil é nel visualizar as obras vivas e mesmo sentirse a bordo de embarcacións a escoitar historias mitolóxicas ou de naufraxios. Un libro, sen dúbida, brillante: fai que sintamos o salitre nas mans mentres contaxia a reivindicación da memoria do mar e do que debería ser o futuro da Galicia mariñeira.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem” de La Voz de Galicia, o 23 de xullo de 2021.