Coidadora, de María Marco

María Marco

Coidadora

Xerais, Vigo, 182 páxinas, 17,50 €, 2021

María Marco, que procede dos eidos da crítica artística contemporánea, estréase na narrativa en lingua galega cunha proposta galardoada co premio Xerais de novela na súa última edición.  Coidadora, tal e é o seu título, transita por camiños pouco tripados entre nós nos últimos tempos e faino grazas a unha planificación onde as tríades gobernan a perspectiva dos planos narrativos, os planos temporais, os personaxes e os espazos para erixir a arquitectura dunha realidade cotiá gobernada mercé á técnica de superposición fragmentaria, operativa para ir camiñando polos eidos do realismo e da ficción, sen deixar de acaroarse, por veces, ao deseño de certa distopía. Con todo, nunca perde de vista ese eixe fundamental que a ordena como é o deseño do mundo das coidadoras e dos coidados -non só hospitalarios- das persoas con estragos cognitivos, articulando unha viaxe a ese abismo alimentado por tantas lagoas, por elocuentes silencios e destrución.

A implicación de corte inequivocamente social que latexa nas páxinas da novela -inclúase a evolución das doenzas físicas e psíquicas, dun e doutro lado- esténdese a outros espazos de filiación artística, literaria, antropolóxica e social coa que bosquexa un esteiro que fai pensar -afortunadamente- nunha concepción distinta do xénero, que ensancha as súas fronteiras cun espírito integrador onde se incorporan moi diversas referencias textuais, por veces con informacións mesmo de carácter enciclopédico de diversa orixe, que constrúen, por xunto, un mosaico cargado de lecturas e reflexións de diverso xorne,  mediatizadas ás veces pola ironía, e sempre cun marcado espírito crítico.

A presenza dun territorio con entidade propia a discorrer tantas veces por debaixo da superficie e entrecruzado por labirínticos túneles convértese nunha metáfora da fuxida ou do propio camiño, isto é, meandros ocultos que percorren a mente humana e que son os dos tempos difíciles de arestora que cómpre arrostrar. A soidade mais tamén o heroico nas actitudes agroman aquí e acolá nesta novela distinta, que chega dunha nova voz que agardo continúe a nos ofrecer novas achegas narrativas.

Este artigo publicouse na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 13 de agosto de 2021.