
Pasada a medianoite do 30 de agosto de 1979 falecía na súa casa viguesa da Avenida de Castrelos Celso Emilio Ferreiro. Esa foi a data que consta no certificado de defunción e a que se dá por oficial aínda que, en puridade, non o sexa. Dun e doutro xeito os medios de comunicación escritos, como é lóxico, non puideron ofrecer a noticia ata o día 1 de setembro e fixérono ampla e xenerosamente como era de agardar pois desaparecía unha das voces máis salientables da literatura galega do momento.
Neste novo cabodano quixera evocar, moi brevemente, a relación de mutuo respecto e admiración que uniu a Celso Emilio Ferreiro e Eduardo Blanco Amor. Fágoo a través dunha carta depositada nos fondos da Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense que testemuña a devandita afirmación. A misiva está datada o 16 de abril de 1956 e nela Celso Emilio acusa recibimento, con palabras eloxiosas, do libro En soledad amena que o autor de A esmorga lle fixera chegar. Con todo, a meu entender, o valor da carta reside na súa parte final en que o celanovés, se cadra como resposta á percepción que Blanco Amor atesouraba, sinala que a súa figura non caeu no esquecemento coas seguintes palabras: “Los hombres de letras que vivimos en Galicia, no le olvidamos. Está usted presente siempre”, ao que engade, coa sutileza precisa para o correo postal daquel tempo, “Lo que ocurre es que vivimos bastante cerrados en nosotros mismos, debido al tiempo que hace: un tiempo pobre, oscuro y triste para el espíritu”. Antes da despedida formal o propio Celso Emilio apunta que esta carta acompaña un exemplar de Voz y voto, libro que incorpora poemas belixerantes que serán transvasados nalgúns casos a Longa noite de pedra. Refírese a el cunha aclaración marabillosa: “El pié de imprenta es una fantasía geográfica que facilmente comprenderá”. En efecto: unha fantasía xeográfica que, para evitar problemas coa censura, situouno editado imaxinariamente en Montevideo, nunha inexistente colección “Papel de Estraza” cando na realidade vira a luz no prelo da empresa viguesa Gráficas Númen.
A relación epistolar entre os dous ourensáns seguiría andando os anos e aínda colaborarían en diversos proxectos comúns. Un deles foi a presentación da reedición do poemario Fírgoas, de Manuel Luís Acuña, celebrado en Ourense, o 10 de maio de 1979: probablemente a derradeira vez que publicamente compartiron un espazo común.

Este artigo publicouse nas páxinas de “Cultura” de La Voz de Galicia o 31 de agosto de 2021.