Tara Westover
Unha educación (tradución de María Alonso Seisdedos)
Hércules de Ediciones, A Coruña, 352 páxinas, 19,50 €, 2021
Un libro de memorias suscita interese se encerra algo substancioso que contar e, asemade, se ese relato que apela á evocación e descrición das experiencias vividas abraza unha estrutura atinada e amosa un rexistro fluído e efectivo para acadar o seu obxectivo. E Tara Westover (Iaho, 1986) asume a importancia destes elementos para compor o seu primeiro libro, traducido con excelencia ao noso idioma por María Alonso Seisdedos. Libro que, por outro lado, se converteu nun éxito internacional salientable.
Talvez as causas que explican os acertos deste libro radiquen en tres aspectos fundamentais. O primeiro fai referencia ao deseño dun universo coñecido con superficialidade e un tanto enigmático como é o dos mormóns fundamentalistas, contado desde dentro coa ollada posta na descrición dunha familia onde agroman desexos -ineludibles- de liberdade nalgúns dos seus membros -Tara Westover incluída- e as tensións que isto xera na concepción dun mundo onde o asexo dos infieis ou a preparación para unha previsible Fin do Mundo focalizan unha visión do mundo singular e, por veces, cruel e insólito.
O segundo vai da man do pormenorizado relato da vida da protagonista e narradora que se beneficia dos diarios que conservaba e que transmiten o día a día dunha persoa á que se lle prohíbe asistir á escola, que tivo como aula un monte de ferralla e como libros de textos moreas de metal. Sen pretendelo, talvez, constrúe e revela un plan de superación persoal, que pasa por atopar unha saída diante de acontecementos gravísimos que se dan no seo familiar e onde se somete a capítulos de violencia, maltrato e manipulación psicolóxica.
E nesa loita continua por non renderse preséntase como clave -e velaquí o terceiro aspecto- a formación e a educación, sobre todo eses momentos epifánicos onde tanta relevancia teñen o que non sabe, o que está por descubrir: aquilo que lle foi ocultado. Un libro de funcionalidade didáctica que subliña a importancia que ten aprender a pensar por si mesmo. Ademais, e por fortuna, foxe á mantenta do lacrimóxeno soño americano. Moi recomendable.
Esta reseña publicouse, na sección Ex umbra in solem do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 20 de agosto de 2021.