
Chegou o día. Desde hoxe pode atoparse nas librarías unha nova edición de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro. Un proxecto acariñado hai desde hai algúns anos e que por fin se converte en realidade no seo da renovada Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais. A xénese remóntase a moitos anos atrás: no verán de 1989 asistín a un curso de lingua e literatura portuguesas na Universidade Nova de Lisboa xunto con diversos compañeiros e compañeiras da Facultade de Filoloxía que obtiñamos naqueles días a nosa licenciatura. Un dos profesores que explicaba literatura portuguesa, e facíao con brillantez, foi o poeta Joaquim Manuel Magalhães. Inquirido por nós do seu coñecemento da literatura galega o resultado foi devastador e alguén lle emprestou unha edición de Longa noite de pedra, creo que na edición de Castrelos. Pasados uns días, e con moita amabilidade, confesounos desilusionado que o libro non lle gustara en absoluto mais non lembro xa a súa argumentación. Talvez alí naceu en min a vontade de ofrecer unha edición anotada que explicase o que naquela altura xa viamos neste libro.
O estudo inicial, daquela, pretende pór ao día tanto a biografía ferreiriana como ofrecer unha análise de utilidade da súa obra e deste libro en particular que sexa operativa tanto para público en xeral como, especialmente, para discentes. Pensando nestes últimos, todos os poemas deste libro emblemático incorporan notas a rodapé que intentan achegarse ás liñas de sentido máis salientables dos mesmos. Agardo que sexa unha lectura proveitosa e grazas a Edicións Xerais, unha vez máis, por acoller este traballo.