Algúns contos completos, de Domingo Villar

Domingo Villar

Algúns contos completos (linogravados de Carlos Baonza)

Galaxia, Vigo, 112 páxinas, 19,95 €, 2021

Este xoves chegou ás librarías Algúns contos completos (Galaxia), unha suxestiva compilación de relatos curtos que nos agasalla o escritor vigués Domingo Villar presentada nunha edición que incorpora un fantástico corpus de linogravados a cargo do ilustrador madrileño Carlos Baonza. E ese mesmo día, dúas horas deron para dar cabo del, gorentando aos poucos ese binomio artístico que tan ben dialoga e que resulta, por outro lado, bastante infrecuente entre nós.

Os relatos de Villar, algúns deles publicados nas páxinas de La Voz de Galicia hai certo tempo, constitúen un festexo inesperado e fresco que nos reconcilia coa vida e coa palabra en tempos estraños, o que non é pouco. Exhíbese neles unha solvencia construtiva exemplar nestas distancias curtas e, teño para min, reclaman unha lectura pausada que posibilita gozar cada momento da lectura. Isto é así, talvez, porque estes relatos enlazan coa mellor das tradicións dos contos inspirados en personaxes, semblanzas se se quer, que beben da realidade ou do fantástico -iso, neste caso, tanto ten-, polo que ben se pode traer aquí, sen temor a errar, que se sitúan por dereito propio no ronsel que continúa con excelencia a extraordinaria tradición contística de noso.

Difícil non conmoverse con estas historias polo humanismo que destilan, pola presenza do humor ou por esa proximidade desde a que se relatan os detalles e que tanto ten que ver co manexo dos recursos da oralidade. Difícil que non queden na memoria personaxes como Eliška, o señor Guillet, Don Andrés o Guapo, o Santo de Bella Unión ou o espiritista do Grove que, entre outros, pasan xa a formar parte, por dereito propio, do noso imaxinario literario. Saben a pouco pero ocasión haberá -iso espero- para máis.

Este texto publicouse nas páxinas de Cultura, de La Voz de Galicia, o día 12 de setembro de 2021.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s