Por qué llora la maestra, de Gonzalo Moure

Gonzalo Moure

Por qué llora la maestra

Kalandraka, Pontevedra, 104 páxinas, 14 €, 2021

Subtitulado como “Carta larga para ti, que quieres escribir”, Gonzalo Moure ofrece un pequeno ensaio, substancialmente orientado cara ás persoas que queiran atopar as claves para comezar a escribir ou para escribir mellor talvez, e sempre recomendable para calquera docente.

Gostei moito deste libro porque é sempre un pracer gorentar a escrita de Gonzalo Moure, o seu pulso firme como narrador e o carácter sempre estilizado, esencializador e suxestivo das súas propostas literarias. E, en efecto, este Por que llora la maestra malia non se tratar de ficción, ou cando menos non enteiramente, camiña á par dos sinalados principios.

Nesta longa carta-libro, Moure deseña, baseándose na rica experiencia como relator ou participante en numerosos obradoiros e encontros sobre a creación literaria en xeral e a súa en particular, un percorrido, amable e documentado, directo e próximo, sobre o oficio de escribir, sen fórmulas máxicas -porque non as hai- para o que articula un repaso sobre que e como escribir e faino, como cando aborda outras cuestións precisas sempre para o exercicio da escrita, apelando a casos concretos, exemplos literarios ou anécdotas, sempre orientativas e traídas con acerto.

Hai un diálogo nestas páxinas con moitas obras, clásicas ou non, de moi diversa autoría polo que é este tamén un libro de libros. A súa dinámica envolvente, a teimosía na relevancia -que comparto- na idea de que cómpre ler, escribir e corrixir, e volver corrixir, alén do entusiasmo e a emoción que repousa nese “escrivivir” cuxo significado convido a descubrir fan, por xunto, que este libro constitúa unha pequena alfaia.