O infinito nun xunco, de Irene Vallejo

Irene Vallejo

O infinito nun xunco (tradución de María López)

Xerais, Vigo, 480 páxinas, 24,95 €, 2021

Reservei este pasado mes de agosto para ler este libro e dilatei, talvez conscientemente, a súa lectura, algo infrecuente na anarquía impenitente que goberna as miñas lecturas. Ao pouco de pasaren os días e as páxinas soñaba que oxalá este agosto, a carón deste libro, fosen infinitos. Ambos os dous non o foron mais, con todo, un séntese afortunado por acceder ás páxinas dun ensaio ambicioso como este que subscribe Irene Vallejo e que chega a nós en excelente tradución de María López Súarez. Sen dúbida, todo o bo ouvido e lido sobre este libro estaba ben sustentado.

                Vallejo mergúllanos, así pois, na poderosa historia que rodea o libro, e tamén o exercicio da lectura, focalizando o seu devalar sobranceiro na memoria e nas transformacións que se operaron desde as súas orixes. Para iso outórgalle especial atención ao trato que gozaron, ou sufriron, os libros desde a Grecia e a Roma clásicas para repartir con tino necesarios excursos que estenden as reflexións sobre as persecucións de que foron obxecto, sobre as librarías e os hábitos de lectura e, non quero obvialo, esas páxinas brillantes en que a autora se achega ás súas propias vivencias persoais, relata acontecementos históricos ou exerce como crítica literaria. Faino con sutileza e elegancia, manexa documentación e lecturas sen que un se sinta abouxado e expono todo cun discurso tan diáfano e directo -case diría familiar-, mesmo en ocasións irónico e retranqueiro, que un non pode sentirse máis que agradecido polo feito de que alguén idease esta singradura marabillosa e que construíse unha cartografía, unha viaxe que, no fondo, ilumina o que fomos, o que somos e o que seica queremos ser as persoas que non imaxinamos unha vida sen libros. Un libro que, ademais, ten a virtude de ir abrindo camiños, anima en segredo a recuperar lecturas e descobre moitas outras.

                O infinito nun xunco, permítaseme ser parte xa desta tribo, é un dos grandes acontecementos literarios que nos trae este comezo de década. Sei que a autora alentou e apoiou especialmente, porque sabe da importancia do exercicio da tradución, esta versión en lingua galega: unha actitude que aplaudo afervoadamente para un libro que é un verdadeiro galano.

Esta recensión, con lixeiras modificacións, publicouse na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 17 de setembro de 2021.