Medos, de Héctor Carré

Héctor Carré

Medos

Xerais, Vigo, 224 páxinas, 18,30 €, 2021

Dicía Jean-Paul Sartre -e parafraseo- que todas as persoas teñen medo e que, de non sentilo, algo non iría ben porque a súa ausencia nada ten que ver coa coraxe. Dun ou doutro xeito, este último libro do tamén guionista e director de cine Héctor Carré, recrea o tema do medo ou, mellor dito, dos medos que calquera de nós é posible que teña que afrontar adoptando, en moitas ocasións, o humor como única e posible saída.

Doce relatos, pois, nos que se afonda, desde diversas perspectivas e en diferentes espazos, fundamentalmente acaroados ao mundo urbano e a un tempo contemporáneo, na modulación e nos matices que poden revestir os medos ou temores interiores dos protagonistas que, por algunha razón, ás veces  entretecidos con ese universo poboado polo fantástico que se anoa no cotián, afloran nunha diversidade manifesta de situacións onde o contexto meteorolóxico acompaña sempre acaidamente. Os relatos, ademais, presentan unha cohesión, non só temática senón tamén estrutural, ao viren da man, ou mellor sería dicir ao estaren protagonizados por personaxes sempre distintos, sempre individualizados, que simbolizan ou vehiculizan ese “medo”: esa fenda que se xera desde non se sabe onde e que irrompe con forza na aparente normalidade ou na rutina. Medos que xorden desde as instancias  dun pesadelo, dunha situación laboral que pode ser inestable dun día para outro, da identidade sexual, das cicatrices que deixa a memoria, da hipocondría, da outredade, dos complexos, do peso que pode exerce a conciencia ou da influencia das crenzas paranormais, por só citar algúns casos, case sempre da man dun pouso irónico ao que, afortunadamente, non se renuncia.

Unha proposta que presenta, en suma, relatos solventes e suxestivos, deseñados con afectividade e que ofrecen un amplo abano de reflexións sobre o medo para erixir, talvez, cuns supostos argumentais heteroxéneos, unha proveitosa reflexión sobre a propia condición humana.

Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 1 de outubro de 2021.