Ana Cabaleiro
Deixádenos remar
Xerais, Vigo, 152 páxinas, 17,30 €, 2021
Hai narradoras que se seguen con especial atención e non é difícil sospeitar que, talvez, todo se xerara nun primeiro libro que encerraba un convite expreso a que, pasado o tempo, se volva a esa voz quer para descubrir novas perspectivas e argumentos quer porque queda na memoria un bo recordo daquela lectura. Iso ocórreme coa produción narrativa de Ana Cabaleiro, de quen estes días chega o seu terceiro libro baixo o título de Deixádenos remar, novela finalista do Premio Xerais na súa última convocatoria.
Cabaleiro tece un libro con multitude de pequenas historias -nas que en ocasións aparecen pinceladas sorprendentes que van máis alá do realismo que goberna a práctica totalidade da proposta- e faino grazas a un mangado de diversas e efectivas estratexias narrativas. Todas elas están ao servizo da construción ou deseño da vida no seo dun arrabalde onde a construción dunha moderna urbanización de chalés irá modificar, de vez, un espazo que vai máis alá do físico ou palpable. É aí onde comezan a coller forma as hostilidades, mais tamén a rede de solidariedades e afectos, para trazar unha fronteira tanxible que dividirá un territorio no cal as vidas das xentes que o poboan se transformarán nun ou noutro sentido. Explóranse, así, con precisión de ourive, modos de vida dalgún xeito opostos que posibilitan pór o foco de atención na importancia que posúen os lugares en que vivimos para reparar, asemade, no universo da muller -especialmente emotivo é a descrición do funcionamento de coidadoras-, na precariedade no mundo laboral, na saúde mental, na permanencia do clasismo ou nesa dicotomía, tan esvaecida por veces, entre os territorios en aparencia urbanos ou periurbanos e os que compoñen o ámbito rural. Pequenas historias, tamén cómpre dicilo, que configuran un horizonte de expectativas aberto e que entendo como un convite implícito para que cadaquén as peche, ou non, ao seu desexo.
Lémbrame esta novela o coñecido verso de Xohana Torres “eu tamén navegar”. Para navegar, Cabaleiro, abraza a función conativa da linguaxe desde o seu título: unha exhortación diáfana e, quen o dubida, irrenunciable e necesaria para remar sen barqueiros.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 8 de outubro de 2021.