Do Mandeo ao Counter’s Creek

As páxinas de Cultura de La Voz de Galicia acolleron onte este artigo sobre a concesión do Premio Nacional de Narrativa 2021 a Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga. Reprodúzoo aquí.

Hai xa algúns anos, nunha desas preguntas tópicas que formula o mal chamado «cuestionario Proust» sobre un heroe ou heroína na vida real, Xesús Fraga contestábame: «A miña avoa Virtudes». Non sei se daquela xa andaría ás voltas do proxecto narrativo que vén de recibir o Premio Nacional de Narrativa. Dun ou doutro xeito, a dimensión deste galardón recoñece, en primeira instancia, os méritos literarios dunha proposta nacida nun sistema ao que, antes coma agora, nos enorgullece pertencer.

A concesión do galardón convida, en inmanencia, a realizar unha reflexión sobre o Xesús Fraga narrador malia que se podería aludir tamén, e longamente, ao tradutor e, por suposto, ao xornalista, sendo consciente que todo aquilo que del podemos ler é sempre unha suma de todo o devandito. Particularmente festexo esta feliz circunstancia por varias razóns, entre as que non é menor nin o afecto nin a amizade co autor que xa vén de vello, forxada dalgunha maneira entre liñas de tinta. Celébroo porque esta novela dobremente premiada -xa o foi no Blanco Amor no ano 2019- quen dubida que ha esconder algunha valía para merecelo. Son, e non o único, dos que viu nestas páxinas que nos regalou méritos suficientes para falarmos, con propiedade, dunha gran novela, da que estou certo que, cando estas luces vaian esmorecendo, se seguirá a falar dela.

Unha gran novela porque Virtudes (e misterios) é unha aposta valente polo xénero da non ficción que, desde os seus cimentos e cunha diversidade manifesta e ricaz de recursos e fontes, ofrece unha singradura alimentada por un tránsito continuo que se proxecta na reconstrución do mundo da emigración galega a Londres, do Mandeo ao Counter’s Creek, reflectido na poderosa figura de Virtudes, ese «lume inextinguible» que foi a avoa do autor e que é a avoa de tantas persoas que accederon ou accederán a coñecela grazas a este libro.

Fraga, tolkiano convicto e confeso, confesoume seguir na vida un lema tirado dun coñecido poema do autor de O señor dos aneis que di «Non todo o que vaga errante anda perdido». En efecto, este premio, e realmente todo que supón a achega creativa do betanceiro ata hoxe, confirma que o de erradío e perdido non é outra cousa, talvez, que unha mostra máis do seu humor galego ou inglés, ou viceversa, que gardan tantas veces unha indiscutible semellanza. Carpe diem, admirado Xesús.

1 Comment

Os comentarios están pechados.