Cartas de Bernardino Graña, por Héitor Mera Herbello

Héitor Mera Herbello

Cartas de Bernardino Graña

Morgante, Cangas, 198 páxinas, 17 €, 2021

Lin nestes últimos días estas Cartas de Bernardino Graña, que dispuxo e prologou para a súa edición o profesor Héitor Mera, que xa se ocupara, noutras ocasións, de numerosos traballos operativos e rigorosos para coñecer diversos perfís creativos e biográficos de Bernardino Graña.

Nesta ocasión rescata, ordena e anota un feixe de correspondencia do autor cangués que divide en catro períodos cronolóxicos que van de 1951 a 1958; de 1959 a 1964; de 1965 a 1973 e, finalmente, de 1973 a 1994.

Resulta, ao meu ver, relevante esta achega porque evidencia boa parte das preocupacións literarias e mesmo vitais nalgún caso de Bernardino Graña e que van completando o seu percorrido ao longo deses períodos sinalados. Páxinas operativas, non o dubido, para reconstruír, talvez matizar, algúns capítulos do seu percorrido cultural mais tamén para achegarnos ao seu perfil máis profesional e persoal .

No epistolario aparecen moitas voces a dialogar con el, preocupándose pola súa situación en diferentes momentos claves da súa vida, demandando colaboracións literarias -engádese un apéndice con textos poéticos do autor publicados na revista Alba-, inquirindo por novos e vellos proxectos creativos e outras angueiras e, ás veces, revelando aspectos de orde máis privativa que xorden ao abeiro desa relación epistolar, as máis das veces exposta en clave de inequívoca amizade e simpatía que suscitaba a súa figura. Un epistolario, pois, integrado por voces como son as Manuel María, María Xosé Queizán, Xosé Luís Franco Grande, Arcadio López-Casanova, Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Piñeiro, Manuel María, Carvalho Calero, Lázaro Carreter, Celso Emilio Ferreiro ou Gonzalo Torrente Ballester, entre outras.

Un libro que posibilita, ademais de trazar vivencialmente ese universo propio conformado pola proximidade dalgunhas das persoas máis ou menos afíns, ideolóxica, profesional ou culturalmente, fixar e reconfigurar a súa presenza clave en moitos proxectos dos que formou parte e que se desenvolveron ao longo do século XX.