Complétase unha semana de grandes alegrías ao ter na man un exemplar do Dicionario da nova literatura galega, de Xesús Alonso Montero: un volume deses que chegan inicialmente á editorial antes da súa distribución e comercialización que se producirá, conxecturo, a comezos do vindeiro mes de novembro.
A publicación presenta un resultado final do que estou moi satisfeito grazas ao traballo do editor Ramón D. Veiga, que acariñou a edición con rigor e profesionalidade. Desde o punto de vista persoal, este libro supón a finalización dun proxecto que se remonta ao ano 2008, cando o profesor Xesús Alonso Montero me cedeu os resultados dunha enquisa que fixo circular entre diferentes persoas no ano 1969. En boa medida, o traballo como editor literario deste proxecto estaba feito naquela altura aínda que foi reformulado e matizado en diversas ocasións malia que algunhas dificultades non permitiron que vise a luz até agora. Albergo a esperanza que o libro suscite certo interese no mundo literario porque incorpora unha documentación importante, moita dela inédita, de suxestivo valor sociolóxico e literario.
Asemade, non quero deixar pasar a oportunidade de manifestar o meu agradecemento, por suposto, a Xesús Alonso Montero por confiar en min para traballar con este material e á Biblioteca da Deputación de Ourense pola axuda puntual e importante co obxectivo de rescatar diverso material preciso para a edición. Grazas tamén pola acollida que se lle brindou en Edicións Xerais, no seu día con Manuel Bragado e agora con Fran Alonso, que impulsou decididamente o proxecto e, finalmente, non esquezo o apoio institucional que recibiu de Valentín García e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen cuxo concurso un libro destas características non podería ver a luz.
Deixo aquí, finalmente, o texto que reza na súa contraportada:
Este Dicionario da nova literatura comezou a fraguarse a finais da década dos anos sesenta do pasado século a través dunha enquisa que o profesor Xesús Alonso Montero deu en distribuír entre as persoas do mundo literario galego que non tivesen obra publicada antes do ano 1936.Velaquí hoxe, máis de cincuenta anos despois, aquel proxecto en forma de libro. Oitenta e seis persoas responderon aquelas preguntas ideadas por Alonso Montero que permiten coñecer multitude de datos biográficos e, ao tempo, deseñan as preocupacións e expectativas dun tempo moi concreto da nosa historia literaria e cultural. Este singular dicionario, en edición de Ramón Nicolás, posibilita preguntarse que cambiou na cultura galega nestes últimos cincuenta anos e engade, ademais, unha rica e valiosa documentación bibliográfica e epistolar, alén doutros documentos de inequívoco interese para reconstruír percorridos biográficos e literarios concretos mais tamén desvela as claves dun tempo que se proxecta nos nosos días.