A cidade do átomo, de Iria Misa

Iria Misa

A cidade do átomo (Sonia García, ilustradora)

Xerais, Vigo, 168 páxinas, 12,70 €, 2021

Acadou Iria Misa a cuarta edición do Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade coa proposta A cidade do átomo que lin con moito interese.

Cuarta entrega novelística da autora do Val Miñor, que comezara con Xa non estou aquí, e que arestora nos conduce a través de territorios devastados logo do estoupido dun reactor na planta nuclear de Chenóbil que ocasionou unha das catástrofes medioambientais máis estarrecedoras. Faise coa cidade de Prípiat como pano de fondo que se transforma, así, nunha sorte de espazo post-apocalíptico, na realidade un personaxe máis, agora dirixido, se se quere organizado, por un conxunto de nenas e nenos que resisten coa esperanza de chegar a ver un futuro mellor e que teñen que loitar contra a soidade e o abandono.

Misa introduce, ademais, dous personaxes moi ben construídos e sólidos como son Lena Petrov, con serias dificultades de adaptación social ao ser sometida a un proceso crecente de marxinación; Svetlana, a súa grande amiga sempre presente na súa vida, Nikolái ou Máscara, se cadra a única persoa que a entende verdadeiramente. Novela situada, pois, na fronteira entre a literatura infantil e xuvenil e recomendable tamén para calquera público, utiliza o recurso de visibilizar a realidade a través dos ollos dos seus protagonistas, con sinxeleza e axilidade, abrazando sempre unha visión afastada de elementos que adozen o argumento. Asemade, confirma a habilidade da autora para nos situar, manexando inxente información -sospeito- que foi quen de destilar e adaptar con acerto, nun contexto estarrecedor no que entramos con facilidade, relatado con inequívoca plasticidade e incorporando ademais discursos de diferente orde como o teatral, o lírico e por veces o documental, alén de incorporar uns “extras” conclusivos e códigos QR  que completan unha edición moi coidada ao que axuda, e non en menor medida, as ilustracións de Sonía García.