Lucía Gómez Álvarez
Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo
Galaxia, Vigo, 36 páxinas, 15,20 €, 2021
Logo da publicación de 20 000 leguas baixo os mares na serie “Lectura fácil” a editorial Galaxia incorpora ao seu catálogo un novo libro centrado, nesta ocasión, na figura de Delgado Gurriarán -o primeiro, se non estou errado, dos que han vir por mor da celebración do Día das Letras 2022-, e que nesta ocasión chega da man da educadora e logopeda Lucía Gómez Álvarez.
A proposta achégase, así pois, e a través de pictogramas, ao perfil biográfico do poeta de Córgomo reparando naqueles acontecementos vitais máis salientables e, ao mesmo tempo, incorpora unha composición tirada do libro Galicia infinda (1963), alén dunhas actividades de carácter conclusivo sobre a súa biografia.
Saúdo a aparición deste volume polas súas características tan infrecuentes entre nós. Sen dúbida resultará operativo para difundir a figura de Delgado Gurriarán desde unha perspectiva inclusiva e non só para posibles usuarios e usuarias do trastorno do espectro autista (TEA) pois é evidente a súa utilidade para o alumnado situado nese momento concreto en que vai espertando a súa comprensión lectora. Dun ou doutro xeito o libro posibilita o acceso comprensivo á figura que protagonizará boa parte da atención cultural e literaria no vindeiro ano.