Unha biografía artística de Camilo Díaz Baliño, por Iria-Friné Rivera Vázquez

Iria-Friné Rivera Vázquez

O legado pioneiro de Camilo Díaz Baliño. Unha biografía artística

Dr. Alveiros – Fundación Vicente Risco, Ourense, 398 pp., 20 €, 2021

Había algún tempo que non accedía a un libro tan luminoso como o que subscribe a ensaísta e historiadora da arte Irene-Friné Rivera Vázquez, prologado por Xosé Díaz. Luminoso pois resignifica de vez a figura de Camilo Díaz Baliño no propósito de construír unha biografía artística.

Un libro necesario pois, fóra de limitados circuítos especializados, ao biografado asociábanse polos xeral imprecisas referencias que destacaban a súa faceta profesional como escenógrafo e artista plástico, o seu compromiso coas correntes ideolóxicas do galeguismo de comezos do século XX e a súa desventurada pertenza ao martiroloxio dos asasinados no ano 36 alén dese ADN que transmitiu a un dos seus fillos e, ao tempo, unha das figuras máis salientables da nosa historia contemporánea como foi Isaac Díaz Pardo.

Mais porque este é un libro brillante? Non dubido que unha das razóns pivota arredor da estratexia que adopta Rivera Vázquez ao irnos situando aos poucos, co apoio contextual preciso e cunha lectura interpretativa envexable, nun territorio que desvela o traballo inxente de Díaz Baliño á luz das correntes artísticas internacionais coas que dialoga -simbolismo, prerrafaelismo, Art Decó, romanticismo e eco das vangardas- e, ao mesmo tempo, incardinalo no ámbito das propostas singulares que ideou e nas que repousa un elo, unha sorte de epifanía artística, que o vincula con Vicente Risco, Ánxel Casal ou Ramón Cabanillas por citar tres casos, para avanzar sempre nun afán renovador autoimposto que abraza e potencia, entre outros, a incorporación do elemento céltico no seu traballo como factor visual e culturalmente identitario.

Velaquí, así pois, como o ensaio posibilita un achegamento concienciudo e competente ás pegadas que deixou nun rescate que vén desde os ámbitos da escenografía teatral, do deseño gráfico e de interiores, da publicidade, da cinematografía ou da ilustración, a carón de evocar a dimensión estritamente biográfica -persoal e familiar-, a do seu círculo de amizades, a doutrina ideolóxica que asumiu e defendeu ou a súa pertenza á masonaría sen esquecer, claro é, os seus derradeiros días e o seu incomprensible final. Parabéns sinceros por esta tan substancial e exemplar achega.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección Ex umbra in solem, de La Voz de Galicia, o 12 de novembro de 2021.