A carteira, de Santiago Lopo

Hai, e resulta lícito que sexa así, voces que reescriben dalgún xeito o mesmo libro ao longo da súa traxectoria bibliográfica, en tantas ocasións con resultados excelentes construíndo un macrotexto sólido e orixinal. Nada máis lonxe do estro creativo de Santiago Lopo que, desde Game over (2007), foi alimentando a súa produción con propostas do máis diferente entre si. Malia que A carteira talvez estableza un elo coa novela Peaxes (2009), o certo é que no que nos foi deixando non resulta difícil advertir a paulatina madureza no dominio acaído dos precisos recursos técnicos, na procura de temáticas orixinais ou escasamente tratadas e no nivel de autoesixencia en cada nova entrega narrativa.

A carteira, novela ao meu parecer moi documentada, aborda unha temática de fondo social e, curiosamente, non moi abondosa na narrativa actual como é a da precariedade laboral, aínda que non só, pois é manifesto que nela subxace unha reflexión sobre a soidade ou a presenza do considerado marxinal. O fío que terma das súas páxinas é a protagonista, ao meu ver deseñada con acerto e verosimilitude coas súas luces e sombras, coas súas contradicións persoais, coas súas esperanzas, vitorias e derrotas, que desempeña unha ocupación profesional como substituta en Correos e que desenvolve o seu traballo nun espazo peculiar: un continente por veces perigoso que adquire, ao mesmo tempo e aos poucos, categoría de protagonista como é «Algures», territorio a cabalo entre mundos urbanos, periurbanos e rurais.

Todo se envolve, ademais, nunha dinámica de movemento continuo, amosando un grupo diverso de personaxes: unha topografía humana particular coa que, dun xeito ou outro, resulta difícil non establecer certa empatía. Por outro lado, aseñórase da proposta un ritmo brillante e áxil, dotado de amenidade, á que non pouco contribúe o sentido do humor e a ironía que latexa aquí e acolá a través de pequenos fragmentos que outorgan rapidez ao desenvolvemento argumental, salferido de numerosos relatos oníricos e doutra orde que manifestan esas pequenas obsesións que agroman na vida, loxicamente angustiada e en nada pracenteira, da protagonista que perdurará na nosa memoria.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia, o 19 de novembro de 2021.