Emma Pedreira
Os libros que hai en min
Cuarto de inverno, Arzúa, 158 páxinas, 15 €, 2021
Leo, nos últimos tempos, moito máis do que podo escribir sobre eles. Supoño que será cousa de que o tempo dá para o que dá e porque tamén me obrigo a cultivar o dereito a certa preguiza, non moita, do que falaba Paul Lafargue no seu día. E moitos deses amentados libros ben merecen que deixe breve constancia do que supoñen para min. Isto foi o que me pasou con este volume de Emma Pedreira ao que me acheguei hai xa algúns meses pero que rescato agora, entre outras razóns, para saudar tanto unha iniciativa inusual como é unha proposta a cabalo entre o memorialístico e a importancia que a lectura tivo e ten na vida dunha autora, como para felicitar a Cuarto de inverno pola súa traxectoria nestes dous anos de vida: neste tempo conformou un catálogo distinto, con obras editadas con coidado e, sen dúbida, moita profesionalidade e agarimo como simboliza cada un dos libros que viron a luz ata o de agora.
Volvo ao libro de Emma Pedreira: nel atopamos o río da súa memoria vinculada coas súas vivencias particulares arredor da lectura e do libro; fundamentalmente dos libros que, dunha maneira casual, ou non, foron caendo nas súas mans e que foron conformando dalgúns xeito os trazos máis singulares da súa voz creativa. Alguén que escribiu un libro como Bibliópatas e fobólogos era natural e previsto que, algún día, abordara un exercicio distendido, dominado polo humor e a ironía, alleo tamén a academicismos, onde pasase revista nun ton directo e desenfadado, por veces felizmente caótico, ao pouso que deixou nela cada libro e cada experiencia asociada á súa lectura: un testemuño, por certo, que explica como alguén que odiaba ler pode converterse nunha lectora voraz.
A autora comparte, así, un territorio privado e persoal orientado, no fondo, a transmitirnos todo aquilo que os libros supuxeron para a súa vida. Difícil é non compartir, salvando as distancias xeracionais, o eco que algúns dos libros aquí mencionados deixaron na memoria de calquera persoa que guste de ler ou de alguén que non poida entender a súa vida sen ler e, nisto último, estou moi de acordo con Emma Pedreira.