Dous libros de María Xosé Porteiro

Cadra no tempo a publicación de dous libros de María Xosé Porteiro que quería traer a este blog. O primeiro, a orde dos valores non altera o produto, é #taméneu, publicado pola editorial Lar que compila algúns, só algúns, dos artigos de opinión feminista que a autora foi publicando en diversos medios nos últimos anos entre os anos 2015 e 2019. Prologado, con tino, equilibrio e estilo propio, por Llerena Perozo -que se estrea estes días como narradora cunha novela na editorial Galaxia baixo o título de Pérez. Historia dun triunfo– e que sintetiza a orientación e o ton dos artigos feministas de Porteiro: “Democratiza a comunicación e pon o seu pensamento e coñecemento a disposición da cidadanía que se interese, habilmente e sen distincións”, alén de subliñar a rara cualidade das súas reflexións no sentido de avanzar, dalgún xeito, de prever asuntos que, no eido do feminismo, arribarán para encher de argumentos as mesas de debate e a evolución dalgúns aspectos vinculados con aquel. A voz de Porteiro, esa voz contida nestes artigos, é sincera e honesta. Apréndese moito nela, fórmase un en saberes que, desde a xenerosidade, quere de novo compartir.

O seguinte libro que Porteiro presenta estes días é Cobardes (Belagua). Trátase da tradución de Covardes: un libro pioneiro e importante -que talvez no seu día pasou un tanto desapercibido- publicado en lingua galega hai xustamente vinte anos e que, nesta ocasión, aparece prologado por María Luísa Abad e acompañado por un comentario crítico a cargo da profesora Dolores Vilavedra. Covardes, dicía antes, foi un libro pioneiro porque, entre outros aspectos, situou a cidade de Vigo como pano de fondo argumental dunha historia, relatada a xeito de thriller, na que a propia cidade adquire categoría de protagonista. Nel aborda unha trama como é a da explotación sexual das mulleres pasada a metade da década dos anos oitenta do pasado século, asunto que non perdeu, lamentablemente, vixencia. Novela coral, de estrutura meditada e efectiva, dona dunha vontade de denuncia e intervención e inequívoca, agora á disposición dos lectores en castelán e que, sen dúbida, reactivará a atención que merece a versión orixinal en lingua galega.

1 Comment

  1. Leí “Cobardes” , magnifica denuncia sobre la explotación sexual, la lucha de las mujeres por salir de ese entorno, la tela de araña que se extendió gracias a la complicidad de actores “inimaginables “.

    En otro orden – Sándalo es un magnífico trayecto de los sentimientos. Estimulante.

Os comentarios están pechados.