Anacos da vida, de Víctor Rivas

Víctor Rivas

Anacos da vida

Galaxia, Vigo, 104 páxinas, 20 €, 2021

Admiro o traballo plástico e artístico de Víctor Rivas, cando menos aquel que caeu nas miñas mans ata o de agora como ilustrador de numerosos libros recentes da nosa literatura e por outros traballos que desenvolveu nestes últimos anos.

Por esa razón alégrame ter a oportunidade de achegarme ao que é o seu primeiro libro como ilustrador e escritor baixo o título Anacos da vida, con prólogos do autor, de Ana de Vilatuxe, David Rubín e Joám J. Romero-Porto Durán. A proposta, aparecida xa este pasado verán, é un libro felizmente atemporal, que non sabe de estacións nin de tempo porque formula un encontro suxestivo entre as corenta ilustracións -que se incorporan en cinco seccións ordenadas baixo os títulos de “Mulleres”, “Homes”, “Xentes”, “Lendas” e “Amores”- e diversos textos de fasquía poética que conversen co patrimonio poético oral ou non, iluminan tamén as propias ilustracións, aspecto central da entrega e que, por outro lado, nos debruzan, precisamente, en momentos das persoas da vida cotiá da Galicia dos anos corenta e cincuenta cun trazo que, como confesa o autor, é semellante ao estilo que Castelao empregou para as Cousas da vida.

Un libro que deita, en fin, unha ollada á Galicia que foi, da que algún xeito vimos, aquela que cómpre ter sempre na memoria e que esta proposta a trae para o presente e con estilo propio, o que non é pouca cousa.