Dous osiños, de Ylla

Ylla

Dous osiños (tradución de Xosé Ballesteros)

Kalandraka, Pontevedra, 16 €, 40 páxinas, 2021

Se resulta absolutamente apaixonante coñecer a biografía de Camilla Koffler, isto é, Ylla, non o é menos admirar algúns dos seus traballos na rede nin tampouco a sorte que significa acceder a un dos seus traballos nos que vinculou fotografía cunha proposta textual dirixida a un lectorado novo.

Refírome a Dous osiños: unha verdadeira alfaia que nos trae Kalandraka e na que sorprende o resultado final desa conxunción infrecuente nun álbum ilustrado entre fotografía -con pezas visualmente impresionantes- e un discurso narrativo sinxelo, cheo de sensibilidade mais quen dubida que moi efectivo e, estou certo, impactante. Unha sorte descubrir a Ylla e esa ollada propia que desprende, vinculada co mundo animal, que foi unha marca da súa produción fotográfica.