Coa debida atención ás novidades editoriais, na miña condición de lector e máis neste caso como filólogo e profesor, recibo con satisfacción unha fornada de títulos que se engaden á “Biblioteca Nós” que a editorial Galaxia incorpora a outros que viron a luz o ano pasado e que referenciei nesta mesma bitácora.
Nesta ocasión velaquí dous ensaios como son: Alfonso R. Castelao. A forxa dun mito, da autoría de Henrique Monteaguado e que recupera, actualiza e acrecenta a edición que viu a luz en 2000 na colección “A nosa memoria” publicada pola Xunta de Galicia: un texto de intención divulgativa que deseña o percorrido vital do autor, repara nas súas obras máis relevantes e bosquexa con efectividade a evolución do seu pensamento, desde as instancias de difudir, con rigor, a vida e obra do rianxeiro. Asemade, outro volume repara na figura de Castelao como é Escritos políticos da época republicana e que se ofrece cun interesante e documentado limiar do historiador Xosé M. Núñez Seixas, obra perfectamente complementaria coa anterior e que reflicte unha parte substancial do pensamento político do autor de Sempre en Galiza no período que vai de 1933 a 1939.
Achéganse tamén dous libros que reeditan senllas obras claves. Nun primeiro caso trátase de Do ermo, do autor da xeración “entre dous séculos” Antonio Noriega Varela, e tamén Prosas galegas -que respecta as liñas introdutorias de Marino Dónega escritas en 1962- de Florentino L. Cuevillas, en edicións que actualizan o rexistro literario segundo as normas ortográficas e morfolóxicas vixentes e que, na miña opinión, é unha mágoa que non se proxecten acompañadas das habituais e preceptivas presentacións ou estudos previos de carácter divulgativo que tanto farían por favorecer a súa lectura.
Por último, tamén o teatro goza de atención nesta colección coa edición do Tríptico teatral, de Antón Villar Ponte cun gorentoso limiar a cargo de Inma López Silva que traza, con solidez, as liñas de sentido máis relevantes que se agochan nesta triloxía composta por A patria do labrego, Almas mortas e Entre dous abismos que viran a luz na Editorial Nós en 1928 e que facía delas pezas inatopables.
Deixo para a conclusión a reedición, que entendo moi acertada, do título O porco de pé, que se incorpora na “Bibilioteca Vicente Risco”. Acertada porque achega aos nosos días este título esencial da nosa tradición literaria incorporando tres elementos que entendo como moi precisos: en primeiro lugar, unhas páxinas limiares a cargo de Tomás González Ahola que ao meu ver achegan, con sinxeleza, proximidade, espírito divulgativo e criterio sintético algúns dos valores que encerra esta novela; en segundo lugar porque Raquel Vila-Amado incorpora unha breve, e ao meu xuízo necesaria, xustificación dos criterios de edición da mesma e, finalmente, porque a proposta se enriquece cunha atractiva lectura plástica a cargo de Xavier Varela. Alén disto, a edición incorpora unha serie de ligazóns vía códigos QR que convidan a coñecer, se é necesario, recursos que se aloxan na web da Fundación Vicente Risco.
Saúde e boa andanza a estes proxectos que tanto contribúen a facilitar a divulgación e mellor entendemento dalgunhas das pezas claves da nosa tradición literaria.