Alegroume saber dun novo proxecto editorial neste 2021, que sempre é unha gran noticia, como é Rodolfo e Priscila: proxectado e posto en marcha por Berta Dávila e mais Carlos Meixide. Estréase a editora con este título que me ocupa e mais con A poesía como arte insurxente, de Lawrence Ferlinghetti, publicado por primeira vez en 2007, e que chega ao galego na tradución de Daniel Salgado.
O Pequeno álbum de Nova York en inverno preséntase, ao que conxecturo, a xeito de carta de presentación e será, polo que puiden oír, unha sorte de anomalía no catálogo da editora, o que lamento pois libros deste xorne, que articulan un feliz punto de encontro entre texto e imaxe, nin son moi comúns nin tampouco adoitan incluírse noutros selos editoriais. O libro agroma como resultado dunha viaxe realizada por Dávila e Meixide a Nova York, en tempos de invernía pre-pandémica, onde o texto inicial de Meixide constitúe, dalgún xeito, un relato que é o da experiencia da viaxe e, xaora, unha longa carta de amor, non exenta de ironía, humor, abondosas referencias cinematográficas, que exhibe ademais axilidade e unha inequívoca plasticidade narrativa. As páxinas compleméntanse, dalgún xeito aliméntanse, sen interferir, cos deseños de Berta Dávila que transmiten unha visión compartida, non sempre coincidente, da cidade e da experiencia, sempre nutricia, da viaxe.
Gustoume moito esta proposta, convido a coñecela e a apoiar este proxecto. Particularmente, non sei ben as razóns porque tampouco teñen moito que ver pero as asociacións nunca un sabe de onde proveñen, lembroume un dos libros máis fermosos que eu lembro como foi o Epistolario amoroso entre Rafael Dieste e Carmen Muñoz en 1995. Boa andanza para Rodolfo e Priscila!