Cando sangren os lobos, de Adrián Gómez Ramos

Adrián Gómez Ramos

Cando sangren os lobos

Xerais, Vigo, 160 páxinas, 12,30 €, 2021

Tiven ocasión de compartir un breve diálogo virtual con Adrián Gómez Ramos en tempos do confinamento por un proxecto que finalmente se cancelou pero que me serviu para confirmar a ilusión que depositaba, e a convicción da relevancia que xogaba a creación literaria no seu futuro, na súa primeira novela que agora me ocupa e á que se lle concedeu o I Premio Xuventude Crea de Novela Curta en 2020.

Cando sangren os lobos é, así pois, a súa estrea como narrador, dirixida para un público xuvenil mais non só, que se abeira, eu diría que con fortuna, ao xénero da novela de negra de mans dadas coa inclusión de elementos fantásticos moi vinculados coa nosa mitoloxía entre os que saliento o da licantropía. Deste xeito é como articula un punto de encontro entre o ámbito do sobrenatural e a dinámica habitual das propostas de xénero acaroadas á procura dun asasino polas rúas de Compostela e, todo por xunto, deita uns resultados máis que convincentes a abalar entre os ecos de Fole, Lovecraft ou Poe por só citar algunhas voces. Alén disto, e como un dos seus méritos, Ramos foxe dos arquetipos habituais neste tipo de narrativa en canto ao deseño de varios personaxes, construídos con solvencia, e as súas relacións persoais.

Alégrame saudar unha nova voz narrativa como é a deste rianxeiro. Esta primeira entrega encerra, ao meu ver, a posibilidade de continuar cunha nova entrega. Sexa así, isto é, unha nova proposta que protagonicen os irmáns Malvís ou sexa doutra inspiración ou temática, Gómez Ramos ten vimbios para proxectos de calquera alcance. Agardamos por eles.