O meu “Cuestionario Proust” en Lecturafilia

Non puiden negarme a responder as preguntas do Cuestionario Proust que me formulou Tensi Gesteira para o seu estupendo blog literario Lecturafilia. Non oculto que non foi doado e que hoxe mesmo talvez respondería de maneira distinta pero, sobre todo, debía corresponder ao esforzo que fixeron tantas persoas que o fixeron para este mesmo blog. Grazas, Tensi, e queda incorporado aquí.

1. O principal trazo do teu carácter? Estou aínda en proceso de coñecerme a min mesmo.

2. Que cualidade aprecias máis nun home? Ningunha en especial. Supoño que todas as posibles que atesoure a condición humana.

3. E nunha muller? Pois as mesmas, claro é.

4. Que agardas das túas amizades? Amizade.

5. O teu principal defecto? Moitos.

6. A túa ocupación favorita? Ler, escribir, dar clases. Tamén coidar dunha cerdeira, un marmeleiro e un par de maceiras.

7. O teu ideal de felicidade? O de antes.

8. Cal sería a túa maior desgraza? Prefiro non pensar agora niso.

9. Que che gustaría ser? O que son.

10. En que país desexarías vivir? No que vivo, non o dubido.

11. A túa cor favorita? Será o azul.

12. A flor que máis che gusta? Non teño preferencias. Se cadra o xacarandá, por razóns literarias.

13. Que paxaro prefires? Gústanme todos, gaivotas incluídas.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Imposible escolmalos.

15. E poetas? O mesmo.

16. Un heroe de ficción? Non teño.

17. Unha heroína? Tampouco teño.

18. O teu músico ou música favorito/a? Pois por falar dun: Lito Vitale.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Isaac Díaz Pardo, Maside, Colmeiro, Laxeiro, Maruxa Mallo, Pulido…, tantas e tantos.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? Hainos a centos, moitos anónimos. A vida non é doada. Particularmente meus pais.          

21. O teu nome favorito? Iago e Lucía.

22. Que hábito alleo non soportas? Soporto cada vez peor algunhas cousas, pero tento ser comprensivo.

23. Que é o que máis detestas? Será un tópico pero as inxustizas.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? As habituais que aparecen sempre nestas respostas. Tamén outras que non son históricas, polo de agora.

25. Un feito histórico que admires? Todos os que se asocian ao concepto de resistencia.

26. Que virtude desexarías posuír? Ningunha en especial. Vou tirando coas que teño, se teño algunha.

27. Como che gustaría morrer? Non tiven ocasión de pensar niso.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Á expectativa e sempre confiando en que o mellor está por vir.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os defectos asócianse á condición humana, así que todos.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Non teño porque non cultivo nin sigo lemas ningúns.