santoamaro, de Antonio M. Fraga

A

Antonio M. Fraga

santomaro

Xerais, Vigo, 128 páxinas, 12,30 €, 2021

Lin santoamaro ao pouco tempo de aparecer publicada mais non me pronunciara sobre esta narración ao quedaren sepultadas as notas de lectura baixo algunhas ducias de libros; afortunadamente hoxe apareceron.

A peza de Antonio M. Fraga, galardoada ademais co Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2020 e incluída nos The Withe Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) en 2021, é un dos libros xuvenís máis salientables aos que tiven acceso este ano. Nel, alén doutros moitos valores entre os que cómpre anotar a axilidade e verosimilitude presente nos diálogos e unha palmaria moi axustada axustada hibridación entre narrativa e teatro, atópase a habilidade dunha voz narrativa que cada día vaia a máis ao ganduxar con efectividade os fíos argumentais que nos sitúan nese momento clave que é, dalgún xeito, a transición da adolescencia á madurez, ou á suposta madurez con todas as incertezas que os cambios comportan.

Co arrecendo deste tipo de novelas que abrazan trazos xeracionais, aínda que non só, boa parte da trama vai nuclearse por volta dos abusos sexuais que sofre unha das protagonistas e que, dalgún xeito, permitirá achegarnos as consecuencias e as vivencias do desafortunado e terrible suceso nela e nas persoas que a rodeaban. Fraga, ademais, incorpora con precisión as novas linguaxes xuvenís e os diferentes soportes comunicativos que a mocidade adopta con naturalidade para expresarse, o que sen dúbida lle outorga a cada personaxe a súa propia personalidade. Algo inevitable pois esta é unha proposta que, no fondo, rescata motivos que afectan á condición humana nun tempo máis ou menos contemporáneo, alén de activar o pensamento crítico e a reflexión, o que non é pouca cousa.