Chegáronme, hai escasas datas, un par de calendarios de parede, en lingua galega loxicamente, dos que me gustaría, brevemente, deixar constancia aquí.
O primeiro é unha proposta moi atractiva que pon en circulación a asociación O sorriso de Daniel. Trátase do Almanaque Románico das Desterradas 2022 que, con fotografías de Sole Felloza, incorpora as imaxes dos mosteiros de monxasdos que foron desterradas, ao fío do que se relata nese magnífico libro de Carme Varela titulado As desterradas. Nel ofrécese un percorrido visual construído polas fotografías de San Salvador de Albeos, pasando pola de San Fiz de Cangas, San Xiao de Lobios ou a de San Pedro do Mosteiro entre outras, ata completar os doce meses. Páxinas, ademais, iluminadas con pequenos e certeiros fragmentos explicativos da man de Teresa C. Moure (na primeira ligazón explícase como se pode conseguir).
Por outro lado, tamén quixera salientar o Calendario 2022. As mulleres as letras que edita Xerais con ilustracións a cargo de Iván R. Nel, nun formato máis grande do que tiña afeitos, compéndiase unha selección, xustamente, das mulleres das letras: algunhas delas recoñecidas coas Letras Galegas pero outras, como se sinala nunha páxina introdutoria, sobre as recae “unha débeda pendente” como son Filomena Dato, Pura Vázquez ou Luísa Villalta; e mesmo outras que o serán, sen dúbida, nun prazo próximo como María do Carme Kruckenberg, Begoña Caamaño, Xohana Torres ou Luz Pozo Garza. Doce meses, pois, para evocar e reivindicar unha ducia de mulleres. Para tornalas, precisamente, visibles.