Ave do Paraíso, de Lorena Conde

Lorena Conde

Ave do Paraíso

Apiario, 72 páxinas, 15 €, A Coruña, 2021

Galardoado co I Premio de Poesía Filomena Dato organizado polo Concello de Bergondo, Apiario edita arestora o libro Ave do Paraíso, de Lorena Conde: dramaturga, actriz e directora de diversos proxectos teatrais que, xa en 2016, gañara o XVIII Premio de poesía Miguel González Garcés con Entullo, aos que se engadiron nos últimos anos, outras pezas como AfterpartySanta InésO perfil da boca e, asemade, foi galardoada no III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con Velloucas & Minchas,; publiocou As mil vidas de Dorotea e resultou vencedora no XXXVI Premio de poesía Cidade de Ourense con As puntas da louza. Cancioneiro de labor.

Ave do Paraíso, homónima da película “Bird of Paradise” dirixida por King Vidor da novela de Joyce Carol Oates, foi un motivo especialmente rendible no ámbito da historia natural e das alegorías, mais este libro xorde do pouso que deixou na autora a lectura do relato Os zapatos vermellos de Andersen articulándose, dalgún xeito, como unha proposta en que cuestiona, con ollos contemporáneos, a crueldade e a misoxinia que repousa no texto clásico ao tempo que incorpora, atinadamente, unha reflexión sobre o tratamento que padeceu, historicamente, a muller e, sobre todo, a muller que desobedece.

Nese xogo de espellos, Conde opera cunha estrutura dramática que explica a aparición dun monllo de voces líricas heteroxéneas, cargadas en xeral dun forte peso de narratividade, onde está Karen, claro é, protagonista do relato de Andersen, mais unha Karen rebelde e que non asume, per se, a sorte que lle tocou sufrir, cunha voz marcada tipograficamente en cor negra que se enguedella coas da Tarántula ou a da propia Ave do Paraíso, sempre en primeira persoa, entre outras.

Alén disto, hai tamén outro discurso, tipografado en cor verde, que se corresponden, case ao xeito de acoutacións teatrais, referidas ao Tribunal coral que a xulga: poemas que en ocasións se imbrican con outras voces e que nos fan pensar nesa inquisición omnipotente, nesa voz dunha xustiza patriarcal que aplica unha lei que xa estaba escrita con anterioridade, isto é, a que emana dun poder que xulga a K. por querer ser ela mesma e que perpetuará esa tradición que a somete e destrúe, que por extensión fai o mesmo con todo aquilo que ela simboliza. Todo inserido nun alfa e omega inmutable onde a visión e a reflexión sobre o corpo e os corpos resulta operativa para desenvolver un exercicio que pescuda nas olladas que contra eles se deitaron ou se deitan e onde, ao mesmo tempo e como conclusión, se reclama desde a palabra unha actitude activa e interviniente, que emende actitudes, que posibilite bailar sempre e libremente e que respecte as vontades que non queren, nin deben, someterse.