Grandes cidades, pequenos viaxeiros: Nova York, de Beth Beckman

Beth Beckman

Grandes cidades, pequenos viaxeiros: Nova York (ilustracións de Holley Maher, tradución de Maruxa Zaera e adaptación de Alfonso Lara)

Bululú, 104 páxinas, 22 €, A Coruña, 2021.

Accedín, días pasados, a este volume editado por Bululú e o certo é que a experiencia resultou tan satisfactoria como a que puidera resultar de facer unha visita, neste caso a través da lectura e das imaxes e acompañado por persoas máis novas, a Nova York.

A tradución do orixinal, publicado por Quirk Books neste mesmo ano, posibilita, con evidente axilidade narrativa ao que contribúe de maneira salientable o corpus de ilustracións a cargo de Holley Maher, achegarse aos puntos clave dunha gran cidade como é Nova York. Beckman sabe conducirse e conducirnos por aqueles espazos máis atractivos, non exclusivamente núcleos de carácter turístico ou convencional -o que resulta de agradecer-, facilitando asemade percorridos alternativos ou como desprazarse de maneira máis doada co obxectivo depositado -aínda que non só- en visitas acompañadas de nenas e nenos.

Unha iniciativa orixinal de formato moi atractivo, que conta mesmo cunha unidade didáctica e cun “índice de aventuras” conclusivo con datos anecdóticos e históricos que, sospeito, ha gozar en breve de continuidade con propostas para outras cidades. Oxalá veñan máis.