Cómpre rematar a actividade deste blog nun ano en que boa parte da atención cultural xirou arredor da obra e da figura de Xela Arias que, ademais, nos trouxo iniciativas fantásticas e pioneiras na rede, por só citar unha, como foi a chiografía que levou a cabo incansablemente, durante 365 xornadas, Manuel Bragado.
Particularmente, e de maneira breve, por volta dun terzo das entradas que encheron as páxinas do blog este ano estiveron centradas en atender as publicacións de e sobre Xela Arias, ademais dalgunhas outras que recolleron as intervencións que distintas voces autorizadas fixeron sobre algún aspecto creativo ou biográfico de Xela Arias no IES Castelao. Ao fío destas notas quixera concluír cun apuntamento dedicado a dúas publicacións aparecidas nestas últimas semanas.
Xela Arias sen fronteiras, así pois, foi unha iniciativa levada a cabo por Arraianos Producións da man de Aser Álvarez e que, afortunadamente, se pode consultar en rede. Basicamente consiste nunha sorte de fotobiografía sonora e interactiva: un proxecto no cal, ademais de incorporar un corpus fotográfico extenso e apuntamentos explicativos de toda orde, a través dun conxunto de códigos QR é posible acceder a un conxunto de contidos multimedia que converte a proposta nun celmoso percorrido multidisciplinar por aspectos biográficos e literarios de Xela Arias.
Para finalizar deixo constancia aquí dun volume imprescindible que abordou unha das facetas relevantes de Xela Arias e que é Unha voz, moitas voces. Xela Arias tradutora, coordinado por María Reimóndez, Ana Luna e Alberto Álvarez Lugrís e editado por Xerais en colaboración coa revista Viceversa, a cuxo Consello de Redacción pertenceu até o seu falecemento. No libro, as persoas interesadas, poderán atopar a transcrición dunha mesa redonda centrada nesta disciplina e mais un conxunto de voces autorizadas como son as de Marga do Val, Tamara Andrés, Alba Rodríguez Saavedra, María Liñeira, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, Elena Zernova, Erín Moure, Georg Pichler ou Kathleen March que contribúen, desde enfoques e metodoloxías diversas, a valorar na súa xusta medida, este labor en que Xela Arias desenvolveu un papel clave como demostra o feito de publicar máis de trinta e cinco traducións ao longo da súa vida. Un xusto recoñecemento a esta faceta que ocupou tantas horas da vida de Xela Arias. Alégrame moito que esta iniciativa vise a luz neste 2021.