Florencio Delgado Gurriarán. Serie FDG (I)

Foto: RAG

Ocupeime, días atrás, de dúas publicacións madrugadoras que viron a luz centradas na figura de Florencio Delgado Gurriarán, protagonista do Días das Letras 2022, como foron Florencio Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía López e mais De Valdeorras a México. Terra a Nosa! Pequena biografía de Florencio Delgado Gurriarán, publicado baixo a responsabilidade de Polo correo do vento.

A obra do autor valdeorrés xa se incorporara neste blog nun apuntamento de carácter máis xeneralista en agosto de 2021 onde sintetizaba os aspectos que en primeira instancia máis me interesaban del e, no 2015, xa protagonizaba un merecido espazo na sección “Manuscritos”, onde se reproduciu unha carta que, en 1959, lle enviara a Francisco Fernández del Riego.

Comezo hoxe o que titulo “serie FDG” en que, alén das novidades editoriais que vaian aparecendo este 2022, recollerá documentos, sobre todo cartas depositadas tanto nos fondos da Fundación Penzol -a quen agradezo a xenerosidade que sempre me brinda- como doutras fontes, sempre coa intención de divulgar algúns aspectos biográficos ou literarios do autor de Bebedeira (1934).

Nesta ocasión trátase dunha mostra da relación epistolar conservada na Fundación Penzol dirixida a Ramón Piñeiro. Redactada o 10 de xuño de 1978 resulta, ao meu ver, interesante pois articula por escrito cales eran as súas preocupacións, naquela altura, por volta do movemento galeguista e o desconcerto que o asolaga tras coñecer as noticias, e as polémicas, que xurdiron arredor do pasado de Rosón, primeiro presidente da Xunta pre-autonómica. Deseña, asemade, unha visión lúcida malia distancia daquel momento concreto -“eiquí o choio ficóu nas mans dos herdeiros do vello”, afirma- e, como sinala ao final, para se desfogar das súas “coitas políticas” engade o poema, en folla solta e que aquí non se reproduce, titulado “Ditos ao povo galego” que incluiría, anos despois, na parte final do seu O soño do guieiro (1986): un texto crítico e de corte reivindicativo onde evidencia as claves políticas confusas e sorprendentes dun tempo que Lueiro Rey, no seu día, denominou como “unha transición intransixente”.