Golpes de luz, de Ledicia Costas

Ledicia Costas

Golpes de luz

Xerais, Vigo, 288 páxinas, 18,50 €, 2021

A anfiboloxía, isto é, o dobre sentido que atesouran palabras ou enunciados, é un recurso que, en ocasións, resulta moi rendible na literatura, como tamén o é recorrer aos contrastes: esas luces e as sombras que poboan, desde o título ata o desenvolvemento argumental, os Golpes de luz, de Ledicia Costas: unha das voces máis poderosas deste ano, como se desprende do seu brillante percorrido, coroado hai pouco coa obtención do Premio Merlín de Literatura Xuvenil.

Estas páxinas abrazan esa querenza pola ambigüidade ou pola consciente imprecisión —de mans dadas cunha moi atinada distribución de voces narrativas, solidamente construídas— para revelarnos, coma se todo fose iluminándose devagar, a dinámica que adquiren un monllo de conflitos asentados nun triángulo luminoso da man de Luz —unha muller anciá marcada pola traxedia e polo instinto de supervivencia, dona dunha marabillosa desinhibición natural e caracterizada por un idiolecto propio que considero un achado—, da súa filla Xulia e do seu neto Sebas.

É este un libro que rabuña na memoria para proxectarse no presente. Nel Costas sabe introducir con habelencia tanto as incógnitas ou enigmas que se resolven de maneira pouco previsible como as doses de humor que, dalgún xeito, contrastan e equilibran a irrefutable congoxa que xeran pasaxes como aquelas nas que se acaroa ás consecuencias do narcotráfico e como este irrompeu nos anos noventa para esnaquizar as contornas familiares. E neste ronsel non esquece a presenza de motivos como os coidados, as marxinacións, a precariedade e a conciliación laboral, as desaparicións, as actitudes hostís coas que a sociedade patriarcal castigou ás mulleres ou o acoso reflectido no protagonista máis novo.

Unha voz sinala, en certa altura da novela, que estas historias están poboadas por personaxes con almas atravesadas. Abofé: talvez pola dor e porque a vida non lles brindou outra oportunidade, malia que a esperanza e a luz tamén estean aí esperando por elas. Costas cóntanolo esplendidamente.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 31 de decembro de 2021, na sección “Ex umbra in solem”.