A triloxía (2020-21) de Lupe Gómez

Aplicado a este labor case utópico de reordenar e expugar a biblioteca aparécenme, xuntiños, tres libros de Lupe Gómez que me foron chegando ao longo do ano 2021 aínda que algúns deles viran o ano anterior. Achegueime a eles no seu día coa idea de incorporalos a este blog pero o desexo foi dilatándose até hoxe. Nunca é tarde, con todo, para falar da poesía desta voz tan poderosa e senlleira como é a de Lupe Gómez, aínda que sexa como testemuño deste fértil período en canto publicacións que, sospeito, están todas ou case todas vinculadas por non seren un doado acceso mais tamén, e o que é máis relevante, por tributarlle unha visión diferente e novidosa, e a xeito de triloxía, á cidade de Compostela.

O primeiro deles foi o Premio SELIC 2019: Caracois de Belvís, publicado polo Concello de Santiago de Compostela en 2020: un recoñecemento emotivo á cidade de Compostela onde a poeta habita hai trinta anos. Con el redescóbrese unha cidade constituída por territorios e xentes que nunca chegaron a protagonizar ningún libro porque non se ollaron como o fai Lupe Gómez. Coma se se tratase dunha cartografía única latexa nestas páxinas unha reflexión sobre os ciclos da vida abrazando a temática da espiritualidade que desprende a propia cidade, sen esquecer unha dor ou fenda aguilloante que sempre fer e que conclúe cun verso case epifánico: “a nosa cegueira iluminada”.

Lupe Gómez tamén acadou o sexto certame de poesía Rosalía de Catro organizado polo Concello de Padrón e a Fundación Rosalía de Castro co libro No encanto do aire, publicado polo Concello amentado e que arrinca desde as terras compostelás e que se abre a Galicia toda. Nela entretécense poemas, por veces haikus e textos en prosa. En todos se dá a presenza do telúrico, tamén da dor e da memoria, da alegría e da tristura, do silencio e da beleza da música e da palabra, da vertixe e do milagre da vida en definitiva.

Por último, Sílabas de peste, que foi premio González Garcés ex aequo xunto a Contra natura, de Daniel Asorey, é un libro onde agroma o eco da pandemia e do confinamento. Nel advírtese unha presenza máis heteroxénea en canto á forma pois incorpora, alén de composicións poéticas, cartas e pequenos relatos de ficción que beben, nos máis dos casos, dese exercicio consistente en facer memoria do presente, para explorar os recantos da vida que sente bulir. A poeta dío moito mellor coa idea posta en volver “sentir a calor dos nomes”:

Cavarei un parto de cereixas

alumeando os estreitos túneles

da memoria.

E ficamos xa á espera de dous libros máis da poeta: Muiñeira da Pinguela, que gañou o primeiro premio no X Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, en 2021, e Montaña loga, premio de poesía Fiz Vergara Vilariño tamén 2021. Un hurra, sempre, por Lupe Gómez.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s