Achegueime esta mañá a dous suxestivos álbums ilustrados. O primeiro deles vén da man de Olaia Sendón no que resulta a súa estrea, afortunada, no xénero. Trátase do título A crebeira Marabillas, ilustrado igualmente pola autora: unha proposta que, en primeiro lugar, achega unha actividade que ata onde eu sei non protagonizou ningún álbum infantil en exclusiva e que ha de brindarlle, a unha franxa do posible lectorado, a oportunidade de desvelar a existencia dunha función especialmente susceptible de traballar na concienciación ecolóxica. Ademais, faino de maneira lineal, sen desaproveitar o recurso á ironía, de maneira que desenvolve unha emotiva historia de ida e volta que irmanda, a través de dúas mulleres descoñecidas entre si, dous países como son Galicia e Irlanda. Ao tempo aínda repara na importancia que cobra, entre outros elementos, o respecto debido á vellez e autonomía das persoas maiores.
Por outro lado, Sabela Fernández Trelles, que xa aparecera nesta bitácora con outra entrega da súa autoría, ofrece agora Que queres ser de maior, pequena?, con ilustracións de María Brenn e que abraza, desde a perspectiva dunha protagonista infantil, un estimulante relato onde se cuestionan os desexos paternos e maternos que, dalgún xeito, queren marcar o futuro, neste caso, da súa filla. A resposta de Antía, que ese é o seu nome, resulta modélica ao articular un discurso narrativo no que repara nos oficios, igualmente fantásticos e sorprendentes, que preferiría realizar “cando sexa maior” e para os que xa demostra ter aptitudes, cunha reviravolta final que fai pensar na relevancia que ten o respecto ás decisións persoais.