A folla azul, de Andrea Maceiras

Andrea Maceiras

A folla azul (ilustracións de Sonia García)

Xerais, Vigo, 184 páxinas, 12,70 €, 2021

Nun intento por recuperar lecturas dalgúns libros aparecidos o ano pasado achegueime estes días atrás ao Premio Merlín 2020 que, desde a súa aparición en 2021, acadou xa tres edicións algo que, ao meu ver, non resulta de estrañar.

Andrea Maceiras, unha das voces da literatura xuvenil que me parecen máis sólidas e suxestivas tal e como o seu currículo testemuña, é quen de enguedellarnos con A folla azul, acaidamente ilustrado por Sonia García, nun universo ficcional de indubidable interese que, sen esquecer a prioridade do gozo estético tamén se acompaña pola reflexión sobre o futuro da Amazonia, no fondo sobre o futuro de todas e todos, sen esquecer a relevancia do concepto da eco-diversidade.

Un dos principais méritos que caracteriza a proposta é como a historia consegue, con rapidez, a complicidade de quen se achegue a ela. Con sinxeleza e efectividade, desde a primeira páxina, Maceiras é quen de nos situar nun contexto con verosimilitude onde a aparición do elemento do elemento de filiación máxica se entretece con naturalidade no cotián. Ao mesmo tempo, sobresae nela a construción diáfana dun universo erixido sobre valores como son a solidariedade, o esforzo persoal e o respecto a diferentes formas de vida. E non resultan exentas de importancia as páxinas nas que se fala da experiencia conxugada coa vellez , aquelas que repararn no que significa a comunidade á que se pertence, o papel crucial que desempeñan os recursos naturais e as tradicións que nos fan pertencer a un territorio e que, por extensión, apuntan ao concepto da identidade.

A folla azul aliméntase das aventuras experimentadas pola pequena Husu Aké -un personaxe solvente e moi ben perfilado, do que resulta imposible non establecer unha relación de empatía- membro da tribo dos Tacaré (tribo resultado dun exercicio de ficción pero inspirada nos kayapó), que debe emprender unha viaxe, que será tamén para ela un percorrido iniciático, de formación e aprendizaxe.

A novela, marcada por unha linguaxe áxil, mantén a intriga ata as páxinas derradeiras e, ademais, evidencia un coidadoso e intenso traballo previo de documentación que, por outro lado, resulta atinadamente integrado a través da descrición dos contextos e atmosferas, da expresión dos personaxes e das lendas e relatos referenciados mais, ao meu ver, só na súa xusta medida. Ademais, nela ecoa un inequívoco compromiso social que nos conduce inevitablemente á descuberta dese achado que é o concepto do oshoshoro e o importante que é cultivalo. Unha sorte acceder a esta proposta, aínda que fose un pouco tarde desde a data da súa publicación.