aniñar en neve, de Ana Ramil

Ana Ramil

aniñar en neve

Espiral Maior, 112 páxinas, 13,30 €, 2021.

Ocorre en máis ocasións das desexadas que conflúen circunstancias diversas -máis probablemente nestes tempos pandémicos- que ocultan ou desatenden libros que merecerían maior atención e unha recepción que, cando menos, contribúa a visibilizalos.

Talvez, se ao anterior engadimos o feito de constituír o primeiro libro publicado da autora -aínda que non a súa actividade creativa-, explique certo silencio que se abateu sobre aniñar en neve de Ana Ramil, escritora vilalbesa radicada na Coruña.

O libro prológao, con páxinas que o analizan pormenorizamente e con brillantez, a poeta Eva Veiga e aí, nesas páxinas limiares, repousan moitas das claves que este libro distinto, alleo se cadra a tendencias, presenta.

Ramil articula un libro cunha columna vertebral que, ao meu ver, probablemente sexa a recreación tanto do motivo clásico da fugacidade do tempo como o da resiliencia cifrada no propio título do volume e que nos fai pensar neste concepto, aínda que tome corpo, e talvez por iso, se desexa a súa materialización nun contexto pouco favorable.

Nunha escolla consciente que alterna poemas curtos, case a xeito de haikus, e outros de espírito máis narrativo, aniñar en neve constrúese grazas a un proceso demorado e e intenso, que exhibe unha inequívoca querenza pola imaxe visionaria, pola experimentación e pola procura constante que posibilita a linguaxe e a palabra. De man dese proceso de reflexión necesario déitanse e prolónganse liñas de sentido que abrazan, por exemplo, o concepto de saudade onde latexa a presenza de baleiro ontolóxico, de mans dadas cunha dor tanxible e omnipresente e mesmo, en ocasións, acaroada a certo espírito melancólico, a debaterse sempre na evocación dun pasado que vive e alenta, por veces felizmente e como recurso salvífico, na memoria, corporeizada nestas páxinas.

Festexo e saúdo esta nova voz para a poesía galega á espera de novas, e de certo luminosas, achegas que estarán por vir.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s