Como continuidade do documento que inauguraba esta serie incorpórase outro texto de carácter epistolar de Florencio Delgado Gurriarán datado o 4 de abril de 1980 e que pertence aos fondos da Fundación Penzol. Nel demanda información sobre o grupo Realidade Galega, desde Guadalaxara, ao seu interlocutor que volve ser, nesta ocasión, Ramón Piñeiro. Non me consta, con todo, que chegase a formar parte do colectivo nin que asinase ningún dos manifestos que o grupo deu a coñecer. Si se constata, por outro lado, o seu interese inequívoco por coñecer, de primeira man, a evolución da política galega naqueles primeiros anos oitenta.
